A Unidade de Atención Temperá atendeu a 144 familias en Sanxenxo durante 2024

Sanxenxo
24 de marzo 2025
Actualizado: 21:02

A concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, mantivo un encontro este luns coa coordinadora do servizo, Eva Picallo

Eva Picallo e Paz Lago na Unidade de Atención Temperá de Sanxenxo
Eva Picallo e Paz Lago na Unidade de Atención Temperá de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

A Unidade de Atención Temperá atendeu a 144 familias en Sanxenxo durante 2024 o que supón un incremento do 30% respecto de 2023.

O servizo, dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade, cumpre o seu segundo ano dando cobertura á poboación de 0 a 6 anos.

A concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, mantivo un encontro este luns coa coordinadora da Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF), Eva Picallo, na sede do servizo situada en Vilalonga.

Na memoria da actividade realizada durante 2024 reflíctese, como un dos puntos importantes do traballo da UDIAF, a coordinación e colaboración cos profesionais doutros servizos que atenden aos nenos que
acoden á unidade.

Dos problemas ou dificultades detectados no desenvolvemento infantil detectados durante 2024, un 30% eran de tipo sindrómicos ou evolutivos; un 26% da linguaxe ou a fala; un 17% da conduta e atención.

Ademais, tamén se atenderon problemas de hábitos, de ámbito emocional, motrices, sensoriais e cognitivos.

En total, na atención das 144 familias realizáronse 4.087 prestacións de apoio personalizado cunha media de idade de 3,1 anos.

O servizo rexistra nestes momentos unha lista de espera de 35 familias.

"É un servizo moi necesario e que funciona moi ben, pero temos que traballar para seguir dando cobertura estas familias con nenos e nenas que precisan reforzo dos 6 anos en diante cunha atención postemperá e ter lista de agarda cero", explica Lago. 

Desde Sanxenxo aténdese á zona Sur da comarca do Salnés, pero a maior parte das familias atendidas en 2024 eran de Sanxenxo (33,8%), de Cambados (19,3%), do Grove (16,9%), de Meis (10,8%), e de Ribadumia (8,4%).

En canto á satisfacción do servizo, totalmente gratuíto, nas enquisas cubertas de forma anónima polas familias a nota global sobre 5 é de 4,89 en base aos parámetros de instalacións, accesibilidade, acollida, dispoñibilidade, coordinación, confianza, entre outros.

Na actualidade, o equipo está formado 2 psicomotricistas, 1 psicóloga, 1 logopeda e 1 auxiliar administrativo.