Unha xornada para gozar coa canoa no río Verdugo

A Lama
02 de agosto 2024

Un total de seis quendas foron acomodando ás preto de 200 persoas que se inscribiron previamente na OMIX da Lama para participar nesta actividade incluída no programa do Verán Cultural

Xornada de piragüismo posta en marcha polo Concello da Lama Concello da Lama

Preto de 200 persoas participaron na xornada de piragüismo posta en marcha polo Concello da Lama, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) no río Verdugo.

Coa coordinación técnica e organizativa do Club de Piragüismo Vilaboa, os participantes distribuíronse ao longo da tarde en seis quendas.

Os monitores explicaron os distintos modelos de piragua e diferenzas existentes coas canoas. Tamén explicaron as técnicas para facer máis eficiente a palada na auga. 

Durante a xornada, estiveron presentes o alcalde da Lama, David Carrera, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya.

A praia fluvial de Ponte Verdugo conta con zona arborada, espazos de sol e de sombra, mesas e todo tipo de servizos, así como unha serie de melloras realizadas para mellorar o acceso a persoas con mobilidade reducida e con problemas de visión que fan deste lugar un dos preferidos non só dos residentes e visitantes da Lama senón doutros municipios limítrofes.

O éxito deste evento confirma que esta actividade na comarca do Verdugo-Oitavén é unha cita obrigada do verán para a veciñanza da Lama e os seus visitantes xa que lles permite un maior goce do tempo libre familiar e favorece tamén a interrelación xeracional a través da práctica de actividades saudables e de encontro coa natureza.