Unha xincana polo centro da cidade para dar a coñecer a nova ordenanza de mobilidade

Pontevedra
25 de novembro 2020

Os responsables da Concellería de Mobilidade continúan coa súa rolda de reunións para explicar os detalles da nova normativa de mobilidade a colectivos como os skaters, que estiveron este martes no Concello

Reunión do concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, con representantes do colectivo de skaters de Pontevedra Mónica Patxot

A Concellería de Mobilidade do Concello de Pontevedra ten en funcionamento unha nova páxina web na que se recollen as instrucións, percorridos e formularios de inscrición para participar nunha yincana prevista para o sábado 28 de novembro que ten como obxectivo dar a coñecer a nova ordenanza de mobilidade da capital.

A saída está prevista para as 16 horas, a participación é gratuíta e haberá agasallos para todos os asistentes. O único requisito é formalizar a inscrición a través da web https://www.pontevedra.gal/mobilidade/xincana/ ou en calquera tenda de bicicletas da cidade. Un trámite necesario para levar o control de participantes e realizar saídas graduadas, algo ao que obriga o protocolo covid da proba e as directrices da Xunta para este tipo de actividades.

Calquera persoa poderá participar facendo uso do seu patinete ou bicicleta, a pé ou de forma mixta. O coche é o único medio de transporte persoal non autorizado. Os participantes poden completar calquera dos tres percorridos propostos pola organización, ou mesmo os tres. Cada itinerario ten marcado un punto de saída e chegada en que se poderán recoller os chalecos que identificarán a cada un dos participantes.

Doutra banda, o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, mantivo un encontro con responsables de empresas e asociacións relacionadas co mundo do skate en Pontevedra para transmitirlle as novidades desta normativa e como afectan o seu colectivo. Na reunión participaron representantes da Escola de skate Urban Culture Factory, Mission Surf Shop, Playgroundstore e Fernando Ezequiel ( skater e monitor). Acompañaron a Gómez o director xeral de Seguridade, Daniel Macenlle; e o xefe da Policía Local, José Manuel Duarte.