A Policía Local de Poio tramitou durante esta ponte de San Xosé un total de 14 denuncias que se corresponden a diferentes infraccións vencelladas ao incumprimento dalgunha das medidas que se inclúen no Plan de Desescalada decretado pola Xunta de Galicia.
A metade destes incumprimentos, correspondente a sete denuncias, déronse por un uso indebido da máscara. Ademais, tamén foron sorprendidas seis persoas fumando sen manter a distancia correspondente. A denuncia restante corresponde a unha veciña de Valladolid que foi identificada na parroquia de Raxó e a quen se lle tramitou a denuncia ao non poder xustificar este desprazamento.
Esta persoa foi a única excepción atopada xa que en liñas xerais se respectou o peche perimetral que impide o acceso desde outras Comunidades Autónomas e só se atoparon nove persoas máis que, nestes casos, si presentaron a documentación pertinente que acreditaba a necesidade dos seus desprazamentos.
A Policia Local constatou un importante volume de tránsito de vehículos procedentes doutras partes de Galicia.
Unha vez máis, tanto a Concellería de Seguridade Cidadá como a propia Policía Local queren destacar o cumprimento que está a amosar o sector hostaleiro local á hora de cumprir e adaptarse ao Plan de Desescalada.
Segundo as autoridades, dende que se permitiu a reapertura dos negocios a finais do mes de febreiro, os axentes xa procederon a pasar revista a preto de 70 locais, con só unha denuncia tramitada.
MEDIDAS NA HOSTALERÍA
A día de hoxe, permítese unha ocupación en terraza do 75% e do 50% en interiores, sen servizo na barra. Ademais, o horario de apertura pódese estender ata as 21.00 horas.
A Policía Local tamén constata que se están a cumprir con outros requisitos, como a instalación de paneis informativos sobre a capacidade dos establecementos, ou a dotación do código QR requirido pola Xunta de Galicia para axilizar rastrexos, en caso de que se detecten posibles gromos.