Unha veciña de Agudelo denuncia que dispararon o seu gato

Barro
14 de febreiro 2023

Unha veciña desta parroquia de Barro comunica ao Concello que o seu gato recibiu un disparo na pata cunha pistola de aire comprimido

Radiografía da pata do gato que recibiu un disparo dunha pistola de aire comprimido Concello de Barro

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, confirmaba este martes a PontevedraViva que, nas últimas horas, unha veciña de Aguedo comunicou que o seu gato recibira un disparo dunha pistola de aire comprimido.

Segundo Abraldes, a cidadá detectoulle ao gato unha ferida na pata que non lle permitía camiñar con normalidade. A causa disto, decidiu levar o animal ao veterinario para curalo e descubriu que o gato tiña a pata rota por mor dun disparo, de feito aínda estaba o balote no corpo do animal.

A veciña transmitiulle esta información acompañada do informe médico do gato ao Concello de Barro e presentou unha denuncia ante as autoridades.

O rexedor expón que o gato está a se recuperar despois da operación e que é a primeira vez que teñen coñecemento de que en Barro ocorre un suceso como este. 

A través das redes sociais do Concello comunicaron a situación para concienciar e informar os habitantes do municipio. Abraldes afirma que é complicado atopar á persoa que cometeu o delito, pero considera necesario notificar aos cidadáns por se algunha persoa puidese saber quen realizou este acto.