Unha trintena de traballadores reforzarán temporalmente o persoal do Concello de Poio

Poio
14 de marzo 2022

Con contratos de duración que oscilan entre os tres e os seis meses. Na Sede Electrónica pódense consultar xa varias listaxes provisionais, segundo apunta o titular de Persoal, o nacionalista Xosé Luís Martínez

Obreiros facendo traballos de albanelería Nacho

O concelleiro de Persoal, Xosé Luís Martínez (BNG), confirmou este luns que o Concello de Poio está próximo a completar o proceso de selección de persoas que pasarán a incorporarse a finais deste mes de marzo, de xeito temporal, á Administración municipal, a través das contratacións que se realizan ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2022, cun investimento próximo aos 235.0000 euros. 

Ao longo dos últimos días xa se poden consultar na Sede Electrónica varias das listaxes correspondentes aos postos que se cubrirán, con contratos que oscilan entre os 3 e os 6 meses de duración.

Practicamente todo o persoal contratado a través desta convocatoria iniciará o seu labor o vindeiro 29 de marzo, a excepción dun dos dous Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermería, que estará a disposición do departamento de Servizos Sociais do 15 de setembro ata o 14 de decembro. 

Xosé Luís Martínez lembra que a través desta liña se contrata a persoas que se atopen na actualidade en situación de desemprego e que figuren no Servizo Público de Emprego (Sepe) de Galicia como demandantes non ocupadas e que estean dispoñibles para o emprego.

Máis do 50% das novas contratacións servirán para reforzar o departamento de Obras e Servizos Municipais, que, ao igual que sucede con outras áreas, "coa chegada da primavera e do verán experimenta un importante aumento na carga de traballo", indica o titular de Persoal. Deste xeito, está prevista a incorporación dunha ducia de operarios de servizos múltiples, ademais de tres oficiais de condutor e dous electricistas.

Todos estes aspirantes pasarán a formar parte do grupo de revalorización de espazos públicos urbanos e de protección medio ambiental. Os seus labores centraranse na limpeza de espazos públicos e praias. O Concello contempla, asemade, a incorporación de catro conserxes e persoal de limpeza para o Consistorio, o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó e a Casa Museo de Colón, en Portosanto.

No listado de contratacións a través da liña 3 do Plan Concellos tamén se engaden dous reforzos para o departamento de Turismo, con vistas a reforzar a atención a visitantes durante a temporada estival e o verán, así como a desenvolver outras tarefas como a creación de itinerarios turísticos e visitas guiadas e a realización de estatísticas. Por último, Deportes contará cun auxiliar administrativo ou administrativa e a Casa Rosada cunha traballadora social, ademais de dúas técnicas auxiliares de Enfermería.