Unha trintena de colectivos repartiranse dúas plantas do edificio da Xunta en Benito Corbal

Pontevedra
12 de xullo 2019

A resolución dos adxudicatarios publicouse este venres no Diario Oficial de Galicia. Os beneficiarios recibirán unha comunicación e, a partir de aí, terán un prazo de dez días para aceptar ou renunciar ao local. A autorización de uso será por catro anos improrrogables

Inauguración do Edificio Administrativo da rúa Benito Corbal Mónica Patxot

Un total de 28 asociacións de Pontevedra recibirán un dos locais que a Xunta de Galicia puxo á súa disposición nas plantas terceira e cuarta do edificio administrativo de Benito Corbal. A resolución dos adxudicatarios publicouse este venres no Diario Oficial de Galicia.

Os beneficiarios recibirán unha comunicación e, a partir de aí, terán un prazo de dez días para aceptar ou renunciar ao local.

As entidades beneficiarias son a Asociación para a loita contra enfermidades do ril (ALCER), Rede Madre, a Fundación Meniños, a Asociación Española Contra o Cancro, a Fundación Amigos de Galicia, Cruz Vermella Española, Acción solidaria de Galicia, a Asociación Amigos do Camiño Portugués, a Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia (Xoga) ou a Asociación Montañeiros A Roelo.

Tamén obtiveron espazos a Asociación Sociosanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados (ASSEII), Os de Algures, Sete Espadelas, a Asociación de Diagnosticadas de Cáncer de Mama (Adicam), a Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra, Amigos de Pontevedra e a Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares.

O reparto complétase coa Agrupación folclórica Celme, a Peña da Boina, a Sociedad Deportiva Teucro, a Asociación de Amas de Casa e Consumidores Rías Baixas, a confraría Nosa Señora do Refuxio A Divina Peregrina, a asociación cultural Trepia, o Ateneo Pontevedra, AJE Pontevedra, a Asociación Oficina de Voluntariado, o club Waterpolo Pontevedra e a Asociación de Párkinson da provincia de Pontevedra.

A autorización de uso será por catro anos improrrogables. O resto de asociacións que non resultaron beneficiarias formarán parte dunha lista de espera, que poderá ser empregada en caso de que algunha das entidades autorizadas renuncie ao local.

O próximo luns será o acto de entrega de chaves ás asociacións, onde se lles explicará tamén os prazos para acceder aos locais así como outros temas relacionados co regulamento.

A superficie total que abranguen os dous andares dedicados ás asociacións está dividida en locais de dous tipos: 22 locais tipo A, 20-27 metros cadrados aproximadamente de superficie; e 4 locais tipo B, con 40 metros cadrados aproximadamente de superficie.

Dous dos locais serán compartidos entre dúas asociacións cada un: a asociación A Roelo e ASSEII, por unha banda; e a asociación Os de Algures e Sete Espadelas, por outra.