Unha subvención permitirá a mellora dos camiños rurais das aldeas de Meira e Cardecide, en Cuntis

Umia
08 de outubro 2021

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, sinalou que este novo proxecto reflicte o compromiso do goberno municipal por seguir mellorando as infraestruturas no rural

Camiño de Cardecide Concello de Cuntis

Dúas aldeas de Cuntis, Meira e Cardecide, verán completamente renovados os seus camiños rurais. A actuación será posible grazas á concesión ao Concello dunha subvención de 20.000 euros procedentes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

As obras consistirán na mellora do firme existente cunha nova base de aglomerado en quente e a limpeza de cunetas no lugar de Cardecide, mentres que en Meira, ademais do aglomerado, pavimentarase cunha base de formigón o núcleo.

Previamente a realización destes traballos, farase un barrido do pavimento existente por medios mecánicos, así como a escavación e limpeza das cunetas para a mellora da evacuación das augas pluviais.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, sinalou que este novo proxecto reflicte o compromiso do goberno municipal por seguir mellorando as infraestruturas no rural e por dar resposta ás necesidades da veciñanza facilitando unhas boas conexións por estrada.

A actuación permitirá tamén incrementar as condicións de seguridade viaria e a comodidade dos condutores.