Mellorar o benestar mental e emocional a través da experimentación da música, provocando un equilibrio psicofísico, é o principal obxectivo dos obradoiros de Musicoterapia do programa municipal A Vida é Movernos, que impulsa a Concellería de Deportes.
Con esa meta durante o mes de xullo organizaranse unha serie de talleres para dar a coñeces a actividade a varias das asociacións sociosanitarias participantes na feira da saúde PonteSán.
Así a través de instrumentos como congas, timbais, bongós, maracas ou baterías, o recoñecido percusionista Pedro Campos ensinará como a música e os elementos musicais pódense utilizar con finalidades terapéuticas, mostrando os seus beneficios en ámbitos como a depresión, a ansiedade, a Síndrome de Down, o embarazo de risco, as enfermidades neurolóxicas, o autismo ou o TDAH.
Os talleres darán comezo este martes 5 de xullo na sede de Down Pontevedra Xuntos (12.00 horas), continuando o mércores 6 ás 11:30 horas no local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC); o xoves 7 ás 11:30 horas no da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (Asseii), e o venres 8 no de Amencer-Aspace (en Lourizán). A actividade chegará ademais o día 12 de xullo ao Centro Socio Comunitario de Pontevedra, ao Centro de Día da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (Afapo) e o 13 de xullo ás instalacións de Amencer-Aspace en Campolongo, desenvolvéndose sucesivas sesións entre os días 20 e 25 deste mes para os colectivos Boa Vida, Asociación de Diagnosticade@s de Cancro de Mama e Xinecolóxico (Adicam), Asociación de Enfermos de Artrites de Pontevedra (Asearpo) e TDAH.
Esta actividade, de carácter gratuíto, foi presentada este luns no Concello nun acto no que participaron o propio Pedro Campos e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
PONTEANDADAS
Doutra banda a Concellería de Deportes animou aos pontevedreses para participar o próximo día 10 de xullo nunha nova xornada das 'Ponteandadas', que se desenvolverá cunha marcha a pé pola contorna do río Verdugo, en Ponte Sampaio.
O roteiro contará cun percorrido circular e unha duración estimada de tres horas e media de traxecto. A inscrición poderá formalizarse ata as 0.00 horas do mércores a través do correo electrónico ponteandadas@gmail.com ou no teléfono 625 482 636.