Unha renovada pasarela peonil na PO-244, reforza a seguridade viaria na contorna escolar de Soutomaior

Soutomaior
01 de outubro 2024

A conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou este martes a renovada estrutura, que ofrece un itinerario peonil cómodo e seguro especialmente para os preto de 500 escolares do CPR Santiago Apóstolo, situado nas inmediacións

Estrea da nova pasarela na PO-244 Xunta de Galicia

A conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou este martes a nova pasarela habilitada na PO-244 en Soutomaior, un itinerario peonil para favorecer o tránsito seguro dos peóns por esta estrada, especialmente dos alumnos do centro Santiago Apóstolo, situado nas inmediacións, no que estudan preto de 500 escolares.

A nova estrutura, elaborada en plástico reciclado e apoiada sobre pilotes do mesmo material, substitúe á anterior de madeira, que estaba deteriorada, e esténdese ao longo de 180 metros. 

Martínez Allegue destacou ante o alcalde Manu Lourenzo e representantes da comunidade escolar que a Xunta investiu máis de 430.000 euros nesta pasarela que o materia utilizado, plástico reciclado, garante unha maior durabilidade e enmárcase "na aposta desta Administración por ser respectuosos coa contorna con infraestruturas sostibles".

"Este tipo de actuacións, pasarelas ou tamén sendas, ou sinalética... son para nós fundamentais, e por iso estamos sempre moi pendentes de escoitar aos veciños, neste caso tamén ao centro escolar, co fin de resolver calquera inquedanza que teñan en materia de seguridade viaria", dixo a conselleira.