Unha redacción sobre a protección do río Verdugo gaña o concurso da Festa da Troita

Ponte Caldelas
25 de maio 2022

Sofie Pérez Rozemberg, do CEIP Manuel Cordo Boullosa, e Alba Iglesias Cifuentes, do CEIP A Reigosa, foron as vencedoras do certame que organiza o Concello de Ponte Caldelas

Entrega de premio da Festa da Troita a Sofie Pérez Rozemberg, do CEIP Manuel Cordo Boullosa Concello de Ponte Caldelas

 Sofie Pérez Rozemberg, do CEIP Manuel Cordo Boullosa, e Alba Iglesias Cifuentes, do CEIP A Reigosa convertéronse nas vencedoras do certame de Redacción que se organiza en Ponte Caldelas con motivo da celebración da Festa da Troita.

Andrés Díaz, alcalde da vila, entregaba dous agasallos como gañadoras consistentes nunha troita en 3D a modo de trofeo e unha tableta dixital. Nesta edición participaron preto dun centenar de escolares, que recibiron un diploma acreditativo.

Na redacción de Sofie Pérez faise unha defensa protectora do río Verdugo. Ao longo do texto nárrase a situación dunha troita atrapada nunha bolsa de plástico. Unha nena consegue rescatala e a troita encárgalle a misión de concienciar á poboación sobre a importancia de protexer a terra e os ríos evitando a contaminación e respectando a natureza.

Alba Iglesias, pola súa banda, analiza á troita como produto gastronómico propio de Ponte Caldelas e, no seu escrito, reflicte a importancia da festa tradicional como centro de encontro entre a xente nova.

Ambas as redaccións foron publicadas no libro-programa da Festa da Troita deste 2022. Este xoves a celebración continuará coa súa xira polo rural onde está a lograr un gran éxito, segundo o goberno local. A Alameda de Ponte Caldelas converterase na parada final deste festexo con diversas actividades durante esta fin de semana do 28 e 29 de maio.