Unha profesión con futuro: mestre composteiro

Pontevedra
01 de febreiro 2016

Este luns arrincou na Cidade Infantil Príncipe Felipe a bautizada como 'Facultade da Compostaxe', unha iniciativa da Deputación de Pontevedra para formar aos mestres composteiros responsables de xestionar os centros de compostaxe comunitaria da provincia

Unha profesión con futuro: Mestre compostero PontevedraViva

Este luns arrincou na Cidade Infantil Príncipe Felipe a bautizada como 'Facultade da Compostaxe', unha iniciativa da Deputación de Pontevedra para formar aos mestres composteiros responsables de xestionar os centros de compostaxe comunitaria da provincia.

Neste xornada inaugural celebrouse un acto oficial de benvida por parte da presidenta e do vicepresidente provinciais, Carmela Silva e César Mosquera, que destacaron a importancia destes técnicos que controlarán directamente todas as instalacións de compostaxe dando solución ás dúbidas que formulen os veciños.

Os 20 candidatos a mestre composteiro que superaron o exame e a entrevista de acceso realizadas a finais do pasado ano recibirán formación teórica e práctica na 'Facultade da compostaxe'.

O vicepresidente destacou que o alto nivel académico dos candidatos. Mosquera explicou que esta iniciativa está a suscitar o interese doutras institucións do Estado que xa pediron copia do modelo de selección e do programa de estudos implantado pola Deputación.

"A experiencia demostrou que plans de recollida de residuos que partiron da base do bo entendemento pero sen preparación tiveron logo problemas, este é un intento novidoso de ter un persoal moi cualificado", sinalou o vicepresidente Mosquera.

As conversacións están moi avanzadas para que este curso poida ter recoñecemento académico por parte da Universidade de Vigo.

Serán un total de seis módulos de formación. As clases serán impartidas por técnicos especialistas en residuos de toda Galicia, coñecerán experiencias prácticas en Galicia como a da planta de Nostián e a de Sogama.

Ademais o asesor provincial de residuos, Carlos Pérez, explicou que os alumnos do curso realizarán o tratamento de todo o lixo orgánico de Príncipe Felipe e do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza, facendo que a cidade infantil sexa unha illa da que non sairán residuos orgánicos e que pechará o ciclo da materia.

"Príncipe Felipe será un escaparate extraordinario para facer extrapolacións de como funciona a compostaxe tanto para a cidadanía de toda a provincia como para restaurantes e grandes produtores", insistiu Pérez.

O curso finalizará o 11 de marzo. Os participantes que consigan as dez mellores puntuacións nos diferentes módulos serán os adxudicatarios de bolsas de 1.400 euros mensuais da Deputación durante un máximo dun ano. Aínda que a previsión é que se poida contratar aos 20 e todo apunta a que se van a necesitar a moitos máis.