Unha pontevedresa lega 3,4 millóns de euros a catro institucións

Pontevedra
17 de xaneiro 2014

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, informou que o goberno provincial aceptou hoxe o seu legado que supón unha cantidade de 3,4 millóns a repartir entre a propia Deputación, a congregación das Doroteas de Pontevedra, a Universidade de Vigo, Cáritas e aos seus dous irmáns

Exterior do Edificio Castro Monteagudo do Museo de Pontevedra (Arquivo)
Exterior do Edificio Castro Monteagudo do Museo de Pontevedra (Arquivo) PontevedraViva

Alicia Crespí González, unha pontevedresa nacida en 1922 e falecida hai máis dun ano en Madrid, legou á Deputación de Pontevedra a cantidade de 840.000 euros e unha colección de enseres, mobles e obras de arte da súa propiedade para o Museo de Pontevedra.

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, informou que o goberno provincial aceptou hoxe o seu legado que supón unha cantidade de 3,4 millóns a repartir entre a propia Deputación, a congregación das Doroteas de Pontevedra, a Universidade de Vigo, Cáritas e os seus dous irmáns.

No seu testamento, outorgado en Madrid en 1995, Alicia Crespí González, deixa o seu viúvo, Angel González Ferrero, o usufruto; á Deputación de Pontevedra os mobles e obxectos artísticos do seu domicilio madrileño da rúa Arroyo del Fresno para que sexan expostos no Museo de Pontevedra; e ás institucións antes referidas unha cuarta parte da súa herdanza con varios condicionantes.

No caso das Doroteas e da Universidade de Vigo, o destino da cantidade legada será para a sede da congregación relixiosa e para a Escola Normal de Maxisterio de Pontevedra. No caso de Cáritas, para atender unha residencia de anciáns. E no caso dos seus irmáns, Antonio e Luis Crespí González, para que restauren no prazo de tres anos os edificios antigos e o terreo materno do lugar de Santiago de Loureiro, no municipio de Cotobade. Os irmáns xa adiantaron que será moi difícil cumprir con este requisito polo que é previsible que estes inmobles tamén recalen no patrimonio da Deputación.

O valor dos bens da testamentaria consegue un valor de taxación actual de 3,4 millóns de euros e os depósitos, contas correntes, fondos de investimento e seguro de vida supoñen 793.575 euros.

Os bens inclúen cinco pisos en Madrid e un na illa da Toxa no Grove, unha vivenda con rocho e praza de garaxe tamén en Madrid, varias prazas de garaxe, un terreo en Cotobade, valores mobiliarios e mobles e enseres, valorados, todos eles en 3.397.895 euros.

Ao seu viúvo correspóndelle o 12,5% do valor dos bens, é dicir 283.157 euros e o resto será repartido entre os catro legatarios a razón de 840.000 euros cada un.

O legado específico do Museo de Pontevedra está composto por 17 mobles, 9 obras de artes (de pintores anónimos do século XIX, José Fernández Lamas, Teresa Abril Martorell ou José Luis Lagos Escalada, entre outros), así como obras de cerámica, instrumentos musicais antigos e varias coleccións de fotografías.

Rafael Louzán, agradeceu publicamente ese legado e destacou o "labor altruísta e solidario" de Alicia Crespí e da súa familia que vén a contribuír, dixo, "xunto a outros mecenas pontevedreses ao engrandecemento do Museo de Pontevedra e a convertelo nunha institución de referencia en Galicia e España".