Unha Pontevedra abarrotada empeza a render honra á Peregrina

Pontevedra
10 de agosto 2019

A carroza da Virxe Peregrina volveu facer a súa tradicional saída anual. De novo, a praza do mesmo nome e o traxecto ata a mesma ao longo da Michelena abarrotáronse de persoas de todas as idades dispostas a gozar da ofrenda floral e a liberación das pombas  

Ofrenda floral á Peregrina do ano 2019 Mónica Patxot

A carroza da Virxe Peregrina volveu facer a súa tradicional saída anual. De novo, a praza do mesmo nome e o traxecto ata a mesma ao longo da Michelena abarrotáronse de persoas de todas as idades dispostas a gozar da ofrenda floral e a liberación das pombas.

Antes da chegada da Peregrina á igrexa, o pasarrúas foi o encargado de amenizar a espera. Primeiro un grupo cun son pop, seguido por un máis folclórico e os bailes galegos tradicionais. As agrupacións Turoqva, Os Alegres de Mourente, Os de Algures, Grupo Polavila, Os Afoutes do Canón de Pau, Gaiteiros das Rías Baixas, Dúos Pontes e Celme percorreron as rúas pontevedresas desde César Boente, pasando por Don Gonzalo, Ánimas, Curros Enríquez, Manuel Quiroga, Don Filiberto, Bastida e Alfóndega, ata Michelena. 

Como é habitual, nenos e maiores vestíronse os traxes galegos tradicionais para tomar parte na festividade, deleitando a todos os asistentes coas súas danzas fronte ao templo.

Cando a imaxe da virxe, acompañada de 12 pequenos confrades e cargando con outros cinco, se achegaba á praza, comezaron a repenicar as campás da igrexa.

A continuación, chegaron ao lugar os edís populares do goberno pontevedrés e, nesta ocasión, a presidenta da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, Josefa Crespo, a encargada de realizar a ofrenda floral este ano.

Finalmente, foron liberadas as pombas na praza da Peregrina, unha práctica tradicional nesta festividade.