Unha plantación piloto probará en Cuntis o rendemento da castaña

Umia
02 de marzo 2018

O persoal técnico sinalou que as plantacións desta finca comezarán a dar froitos no prazo de 10 anos e, en arredor de 14 ou 15, xa podería comezar a aportar entre 6.000 e 10.000 euros pola recollida do froito

Plantación experimental de castaña en Cuntis

Unha finca propiedade do Concello de Cuntis desenvolverá, a través dun convenio entre a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Desenvolvemento Rural Ónega, unha plantación piloto de castiñeiros coa que se busca analizar as posibilidades da produción, cultivo e comercialización da castaña en terreos agroforestais da provincia de Pontevedra.

Neste terreo dunha hectárea, situado en Portela, empregouse a planta enxertada con variedades certificadas, propoñendo un deseño de plantación que servirá como modelo.

O persoal técnico de Ónega sinalou que as plantacións desta finca comezarán a dar froitos no prazo de 10 anos e, en arredor de 14 ou 15, xa podería comezar a aportar entre 6.000 e 10.000 euros pola recollida do froito.

O deseño desta plantación "serve como modelo piloto que queremos replicar a unha escala produtiva", explicou a presidenta Carmela Silva na súa visita, para o que "é necesario levar a cabo un importante traballo de divulgación" co obxectivo de que "tanto o produto como todos os que se poden elaborar con el saian do noso territorio".

"Temos que conseguir trasladar ao conxunto da nosa cidadanía, ao preto dun millón de persoas que viven na provincia de Pontevedra, que arredor dos castiñeiros hai unha posibilidade de desenvolvemento económico e de futuro moi relevante", sinalou Silva.

A castaña, recordaron os responsables do proxecto, é un froito practicamente desaparecido na provincia de Pontevedra, malia que na provincia existen casos como o de Lalín, no que se recollen arredor de 600-700 toneladas de castaña, a pesar de que Galicia ten o liderado deste produto a nivel mundial. 

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, asegurou que este "é un proxecto moi importante" e sinalou que "ano a ano vai medrando o interese pola castaña entre a nosa cidadanía porque é algo que temos aquí, que non fai falla mercar fóra, que nos dá un valor engadido" e, ademais, "a xente comezou a darse conta de que os castiñeiros producen riqueza".