Unha piscina pública ao aire libre, proposta estrela de Rafa Domínguez para Monte Porreiro

Pontevedra
10 de novembro 2018

Baixo o lema "Monte Porreiro é Pontevedra", Rafa Domínguez presentou o paquete de medidas para este barrio que o PP incluirá no seu programa electoral para as municipais de 2019. Fíxoo nun encontro cos veciños celebrado no centro cultural

Rafa Domínguez presenta as medidas de mellora que proxecta para o barrio de Monte Porreiro PP de Pontevedra / Twitter

Baixo o lema "Monte Porreiro é Pontevedra", Rafa Domínguez presentou o paquete de medidas para este barrio que o PP incluirá no seu programa electoral para as municipais de 2019. Fíxoo nun encontro cos veciños celebrado no centro cultural.

O portavoz popular sinalou que todas estas propostas son froito de diversas consultas realizadas tanto a veciños do barrio como a asociacións, demostrando que para o PP o barrio de Monte Porreiro "supón unha das nosas prioridades".

A súa proposta estrela, sen dúbida, será a construción dunha piscina pública ao aire libre, situada no Parque do Miradoiro, unha contorna que debe ser "acolledora" e na que se debe mellorar o espazo con zonas familiares e reformar a pista de BMX.

Corrixir o "lamentable estado" do Parque Europa é outra das medidas de Rafa Domínguez, que propón colocar novo mobiliario urbano, eliminar o trasformador, ampliar o parque infantil e instalar nel máis puntos de luz.

Ademais, suxire a creación nesta zona dunha cancha deportiva e un campo de petanca, e a instalación de aparellos de ximnasia para persoas maiores.

O líder popular anunciou tamén un plan de humanización do barrio que permita completar as fases pendentes no primeiros catro anos de mandato, ordenando ademais as zonas verdes e mellorando toda a iluminación de Monte Porreiro.

En canto ao transporte público, Domínguez propón a implantación dunha tarxeta mensual para os residentes cun prezo fixo, viaxes gratis para menores de 19 anos e descontos para xubilados e para persoas en paro ou en risco de exclusión social. Ademais urxe incrementar a frecuencia horaria dos autobuses, "para ofrecer un servizo de calidade".

Melloras no pavillón, pechar a bancada do campo de fútbol, reformar a pista de skate e a pista deportiva urbana, recuperar a escola taller, buscar un terceiro médico de cabeceira, incrementar o horario de pediatría no centro de saúde, aumentar o horario da asistente social ou negociar cos bancos máis caixeiros automáticos son outras das súas propostas.