Unha persecución polas rúas de Rubiáns termina coa detención dun condutor que circulaba drogado e sen carné

O Salnés
24 de febreiro 2021

A Policía Local de Vilagarcía detectou a presenza dun Ford Focus vermello conducido por un condutor xa fichado e, ao darlle o alto, o piloto iniciou unha huída que puxo en risco a vida doutros condutores e acabou co turismo sinistrado contra un muro

Policía Local de Vilagarcía de Arousa Pontevedraviva

Axentes da Policía Local de Vilagarcía procederon á detención, na tarde do martes 23 de febreiro dun home natural de Vilagarcía e de 41 anos de idade despois dunha longa persecución por rúas e camiños de Rubiáns. O individuo circulaba co carné de conducir retirado e no test sobre consumo de estupefacientes deu positivo. No cacheo posterior, os axentes descubriron dous envoltorios de plástico que presuntamente contiñan cocaína.

Os feitos producíronse ao redor das 13:35 horas do martes, cando unha patrulla da Policía Local detectou a presenza dun vehículo Ford Focus de cor vermella que xa coñecían, como ao seu condutor, por outras actuacións anteriores. Aos gardas constáballes que o propietario tiña nese momento o carné de conducir retirado, deron a volta no seu roteiro para tentar detelo.

Cando o individuo deuse conta da presenza policial, tentou escapar, para o que fixo primeiro un adiantamento indebido a dous coches na avenida de Pontevedra e despois deu un xiro brusco e sen sinalizar cara á rúa Perrón.

Desde ese momento xa se iniciou unha persecución na que o condutor do Ford Focus chegou a alcanzar os 100 quilómetros por hora en camiños e rúas moi estreitos, poñendo en perigo a viandantes e condutores. Despois de regresar á estrada de Pontevedra, D. B. G, siglas ás que corresponde o seu nome e apelidos, regresou aos camiños de Rubiáns.

Finalmente, á altura do viaduto do AVE, os axentes atopáronse co coche sinistrado e ao seu piloto dentro. Inicialmente opuxo resistencia a saír do vehículo, que tentou arrincar en varias ocasións, pero finalmente foi detido e posto a disposición xudicial.

DANOS EN COCHES

Por outra banda, no día de onte tamén se rexistraron dúas denuncias, con apenas unha hora de diferenza, de dous propietarios aos que unha persoa ou persoas aínda descoñecidas causaron importantes desfeitas nos seus vehículos. Un, no aparcamento próximo ao Hospital; outro, no estacionamento disuasorio da leira de Ouro, xunto a de Fexdega. En ambos, os responsables fixeron inscricións e gravaron insultos con obxectos punzantes por toda a carrocería; no segundo tamén foron rotos os faros.