Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, acompañada polo alcalde Telmo Martín, visitaba este martes un tramo da zona en que está prevista a creación dunha senda fluvial na contorna do río Dorrón.
A Xunta de Galicia investirá 392.000 euros nesta iniciativa para potenciar o ecoturismo no municipio e, ao mesmo tempo, revalorizar esta contorna natural considerada corredor ecolóxico intermareal Umia-O Grove.
A actuación será financiada con fondos europeos procedentes do Next Generation en materia de biodiversidade.
O alcalde debullou os seus tres grandes compromisos con Dorrón:"o campo de fútbol, o campo de festas e esta ruta fluvial", pero "a máis demandada" é a senda "porque vertebra toda a parroquia dende a praia ata a parte máis alta de Dorrón" asegurou.
O rexedor agradeceu a implicación veciñal neste proxecto con 280 cesións e que foron "colaboradores necesarios para que esta senda poida ser unha realidade".
"Estou convencido de que esta ruta que poderán disfrutar os veciños durante todo o ano, convertírase nun importante reclamo turístico porque con ela se potenciará a beleza e o patrimonio do interior do noso municipio. Esta senda enmarcase dentro do noso eslogan turístico: Sanxenxo, 365 días diferentes", indicou.
Durante a visita, os representantes políticos percorreron os muíños de Quintáns e da Costa. Ángeles Vázquez avanzou que a senda permitirá o paso de ciclistas e de camiñantes por esta zona. Os traballos está previsto que se inicien nas próximas semanas e a duración estenderase ao longo de cinco meses, coa idea de que en setembro poida estar finalizado.
O proxecto contempla a limpeza e roza de vexetación, ademais da eliminación de todas as especies invasoras e alóctonas que se atopan nas inmediacións do río Dorrón. A proposta encádrase no programa da Xunta de Galicia para vertebrar espazos urbanos con zonas e áreas naturais.
Crearase unha pasarela elevada de madeira, de 20 metros de longo, para o paso de peóns e de ciclistas. A maior parte desta pasarela será de nova construción. Tamén se habilitarán infraestruturas de paso de madeira e de pedra durante o percorrido; instalaranse varandas, mobiliario urbano e sinalización. A Xunta proxecta tamén a creación de paseos de jabre nas marxes das vías locais que conectan cos núcleos habitados da contorna.
O percorrido discorrerá ao longo de 3,57 quilómetros nas proximidades ao leito do río, en espazos de bosques de ribeira con ameneiros e freixos, que acollen merlos brancos e lavandeiras. Iniciarase nas inmediacións da praia de Areas, en Bordóns, e finalizará en Dorrón, no Muíño de Xián.
A senda terá cun ancho aproximado de 2 metros con pavimento sobre saburra e contará ao longo do trazado con actuacións como as construcións de muros de cachotería, recuperación de pasos de pedra, pasos de madeira e pasarelas e varandas de madeira.
O roteiro sinalizará os lugares de interese, así como o percorrido a través de 10 paneis informativos e dúas unidades de carteleira con tellado. Farase tendo en conta o manual de carreiros da Federación Galega de Montañismo para a súa posterior homologación. Algúns dos puntos que se recollerán na señalética serán os muíños da Costa, de Felipe e de Quintáns, así como a igrexa de San Pedro de Bordóns, o lavadoiro de Outeiro, a igrexa de San Xoán de Dorrón ou o cruceiro de Quintáns.