Unha parella formada por un home de 52 anos e unha muller de 35 foi detida pola Garda Civil como responsables dun punto de venda de heroína e cocaína situado en Soutomaior, en plena ruta do Camiño Portugués a Santiago.
Este punto de venda de drogas, segundo informa a Garda Civil, xerara unha gran alarma social na localidade de Arcade, especialmente nas inmediacións do lugar onde operaba a parella, unha vivenda nun tramo do camiño frecuentado por miles de peregrinos.
Aos detidos acúsaselles de senllos delitos contra a saúde pública e tráfico de drogas.
A operación, na que colaboraron diversas unidades da Garda Civil, entre elas o equipo cinolóxico ou a unidade de seguridade cidadá, e a Policía Local de Soutomaior, acelerouse tras incautarlle 10,93 gramos de cocaína e 3,93 de heroína a unha moza que saía do domicilio.
Tras a autorización xudicial accederon á vivenda, onde se ocultaba o detido, que tiña numerosos antecedentes por delitos similares e varias requisitorias para a súa entrada en prisión.
Os axentes requisaron alí 38 gramos de cocaína, 17 de heroína, varios teléfonos, 255 euros en efectivo, armas simuladas, diversos vehículos e útiles para a embalaxe e pesada da droga.
Nese momento, a Garda Civil tamén detivo á súa parella, que era a que se encargaba de distribuír os estupefacientes.
Para iso utilizaba varios patinetes eléctricos de gran potencia, vehículos que lle permitían ter unha gran capacidade de movemento e non ser detectada e así poder subministrar as substancias en diferentes puntos pouco vixiados da localidade.
Os detidos foron postos este venres ao dispor do xulgado de instrución número 1 de Redondela.