Unha ofrenda floral ao son do violín pecha os actos en homenaxe a Johan Carballeira

Bueu
17 de abril 2023

Bueu conmemorou esta fin de semana o 86º aniversario do fusilamento do que fora alcalde de Bueu, poeta e xornalista cunha programación chea de actos emotivos como a proxección do documental Acorda

Acto en homenaxe a Johan Carballeira Concello de Bueu
Concello de Bueu, da man da Asociación de Amigos de Johan Carballeira, organizou esta fin de semana diversos actos emotivos para conmemorar a figura de Johan Carballeira, quen fora alcalde de Bueu, poeta e xornalista. Unha homenaxe que coincide co 86º aniversario do seu fusilamento, o 17 de abril de 1937.
 
As actividades comezaron o venres 14 de abril no Centro Social do Mar coa proxección do documental Acorda, "unha mensaxe de paz, memoria e rebeldía para as novas xeración", segundo indica a súa sinopse. Ademais, ao rematar, levouse a cabo un coloquio co público asistente.
 
O domingo 16 de abril ás 12:00 horas celebrouse unha ofrenda floral xunto ao monumento de Carballeira na entrada da praia Banda do Río que contou con intervencións como a do alcalde de Bueu, Félix Juncal. Os actos remataron coa interpretación musical da violinista Lía Vilas.
 
Desde o Concello de Bueu lembran a Carballeira como un "defensor inesgotábel das causas xustas", e tamén das persoas con menos recursos.