Unha nova investigación por alzamento de bens axexa ao rei das orquestras

Pontevedra
03 de febreiro 2017

Os funcionarios de Facenda están a investigar unha denuncia que lles chegou, pero o caso aínda non está xudicializado, senón que de momento trátase dunha investigación de natureza administrativa e non penal. No caso de que chegue aos xulgados sería xa a quinta fronte xudicial de 'Lito'

O empresario Ángel Martínez Pérez 'Lito', ás portas da Audiencia Mónica Patxot

O empresario Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito' e considerado o rei das orquestras porque controla entre o 50 e o 60 por cento das orquestras de Galicia, suma unha nova preocupación ás que ten que afrontar xa desde hai meses. Facenda está a investigalo por un posible alzamento de bens, delito socioeconómico que, de confirmarse, supoñería que realizaría accións para ocultar todo ou parte do seu patrimonio e, desta forma, evitar facer fronte ás multas millonarias que lle pide a Fiscalía ou ás posibles débedas que lle vaian xurdindo.

Os funcionarios de Facenda están a investigar unha denuncia que lles chegou, pero fontes xudiciais confirmaron que o caso aínda non está xudicializado, senón que de momento trátase dunha investigación de natureza administrativa e non penal.

En caso de que finalmente a investigación chegue aos xulgados sería xa a quinta fronte xudicial de 'Lito'. Este xoves aprazouse na Audiencia Provincial o xuízo polo caso que está máis avanzado, no que está acusado tanto a título persoal como na súa calidade de único responsable da empresa Representacións Lito por seis delitos contra a Facenda Pública por defraudar 9,5 millóns de euros nas declaracións do IRPF, o imposto de sociedaedes e o IVE dos anos 2011 e 2012.

Por este delito, a Fiscalía solicita que cumpra 14 anos de prisión, devolva o diñeiro e pague unha multa que, entre a particular e a aplicable á empresa, supera os 43 millóns de euros.

A maiores dese delito, hai aberta nos xulgados de Caldas outra causa xudicial que investiga se tamén defraudou nas declaracións de impostos da súa empresa dos anos 2009 e 2010; unha terceira que se segue nos xulgados de Pontevedra relacionada pola súa xestión dunha das orquestra que representa a súa empresa, a Filadelfia; e unha cuarta que investiga tamén en Pontevedra posibles irregularidades nas súas declaracións do IRPF, pero xa non a través de Representacións Lito, senón a título particular.

Dados eses catro frontes xudiciais que ten abertos, investígase que puido realizar esas operacións de dubidosa legalidade para ocultar os seus bens e non perdelos en embargos ou posibles multas derivadas das condenas ás que se enfronta.