O sindicato nacionalista CIG protagonizou este mércores a manifestación máis multitudinaria das catro celebradas en Pontevedra con motivo do 1 de maio cunha mensaxe centrada na soberanía como "a única forma de frear o abuso ou explotación que sofre a clase traballadora".
Partidarios de nomear esta data como Día da Clase Traballadora porque "a denominación comercial de Día do Traballo quítalle a carga de reclamación, de simbolismo absoluta", afiliados e simpatizantes deste sindicato sumáronse á manifestación entre as prazas da Ferrería e Teucro cunha vintena de pancartas.
Marcos Conde, secretario comarcal da CIG, fixo unha valoración "francamente" satisfactoria da asistencia, que é "froito da confrontación" e de "todas as loitas que estamos a ter na rúa".
Así, houbo representación de colectivos como a sanidade, o profesorado, as escolas infantís, a discapacidade, a seguridade privada, as persoas xubiladas, ambulancias e transporte de viaxeiros, Correos, limpeza, residencias da terceira idade, administración pública, oficinas e despachos, mocidade ou alimentación, ademais doutras xenéricas de CIG ou o BNG.
"É na rúa onde podemos lograr cambiar as cousas", lembrou Conde, que contou co apoio de representantes sindicais e tamén políticos do BNG, co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o deputado Luís Bará; a senadora Carme da Silva; ou os concelleiros Eva Vilaverde ou Alberto Oubiña, entre outros.
O secretario comarcal de CIG insistiu na "precariedade" que se ve no mercado laboral e en que "a pobreza está instaurada en Galicia" nun contexto no que as medidas que se adoptan desde Europa "non teñen como fin a clase traballadora, senón que o seu fin é seguir acumulando riqueza para os grandes fondos de investimento, para o capitalismo máis desapiadado".
Ante esta situación, sinala que "hai moito campo para mellorar e por iso estamos nas rúas, senón sobrariamos".
As súas reclamacións son xenéricas de toda Galicia, pois denuncian que o salario medio galego é case 6.000 euros por baixo do estatal, as mulleres cobran de media 4.500 euros anuais menos que os homes e o 40% de poboación na comunidade non chega ao salario medio, demostrando que "as medidas que se adoptaron no seu un momento non son boas para a clase traballadora, o único que fan é avanzar na precariedade" en todos os sectores en xeral e, en particular, no servizos.