Unha muller ferida nunha colisión frontal entre dous turismos en Marcón

Pontevedra
10 de novembro 2023

Un dos turismos quedou totalmente esnaquizado. Unha condutora quedou atrapada no interior do vehículo e tivo que ser excarcerada polos bombeiros de Pontevedra. Tiveron que cortar unha porta do vehículo para acceder á muller que se atopaba atrapada. Foi trasladada ao Hospital Montecelo

Accidente de tráfico en Marcón PontevedraViva

Unha muller resultou ferida na tarde deste venres nun accidente de tráfico rexistrado na estrada N-542 á altura da parroquia de Marcón. O sinistro resultou especialmente aparatoso, pois consistiu nunha colisión frontal entre dous turismos e ambos sufriron danos, quedando un totalmente esnaquizado. 

A pesar do aparatoso do accidente, os danos persoais foron menos graves do inicialmente previsto. A condutora dun dos turismos resultou ferida, en principio, de carácter leve, e o do outro resultou ileso, segundo a información facilitada pola Garda Civil. 

A condutora ferida quedou atrapada no interior do vehículo e tivo que ser excarcerada polos bombeiros de Pontevedra. Tiveron que cortar unha porta do vehículo para acceder á muller que se atopaba atrapada.

Tras ser atendida no lugar do sinistro, foi trasladada ao Hospital Montecelo.

A Garda Civil tivo coñecemento do accidente ás 17.41 horas a través do 112 Galicia e desprazouse ao lugar, confirmando a colisión frontal. 

Tamén foron alertados efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, Protección Civil, os Bombeiros de Pontevedra e a Policía Local, aínda que estes últimos non chegaron a desprazarse ao accidente. 

O accidente produciuse no punto quilométrico 3,800 da estrada N-542, á altura dun negocio de rodas do lugar da Ermida.