Unha muller é trasladada a Montecelo con queimaduras ao incendiarse a campá extractora da vivenda en Javier Puig

Pontevedra
15 de xullo 2023

O incendio producíase no número 7 de Javier Puig e a muller foi trasladada con queimaduras nunha man e inhalación de fume

Incendio nunha vivenda da rúa Javier Puig Diego Torrado - Arquivo

Un incendio que se rexistraba minutos despois das 18.00 horas deste sábado saldouse cunha muller ferida ao sufrir inhalación de fume e queimaduras nunha man.

As lapas producíanse na campá extractora da vivenda no número 7 de Javier Puig. Ata o lugar acudían os bombeiros do Parque municipal e axentes da policía local. 

O incendio foi controlado pero xerouse abundante fume na vivenda. O incidente provocou expectación na zona.

A muller foi trasladada ao Hospital Montecelo para unha exploración médica. Con ela atopábanse dous menores que, segundo indica a Policía Local de Pontevedra, asustáronse e saíron ao balcón. Persoal das dúas ambulancias que se desprazaban ata o lugar atendían aos pequenos, sen máis incidencias.