Unha muller de 89 anos, vítima 68 por coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

Pontevedra
10 de decembro 2020

A paciente falecía nas últimas horas no Hospital Montecelo. Segundo a Consellería de Sanidade, o seu cadro clínico presentaba outras enfermidades previas. Este xoves, o Servizo Galego de Saúde notifica seis mortes en Galicia por covid-19

Hospital Montecelo Cristina Saiz

Seis persoas falecían este xoves en Galicia diagnosticadas por coronavirus, unha delas perdía a vida no Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. 

Trátase dunha muller de 89 anos de idade, que presentaba un cadro clínico con patoloxías previas, segundo notificaba a Consellería de Sanidade. Continúa con esta morte o goteo diario de falecementos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Con esta nova morte, o número de falecidos nesta área ascende a 68 persoas desde o inicio da pandemia.

As outras persoas que falecían nas últimas horas en Galicia son: unha muller de 93 anos e un home de 69, procedente da Residencia de Vilalba, que morría no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) en Lugo; unha muller de 86 anos, que perdía a vida no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Outras dúas persoas falecían na Residencia Vila do Conde de Gondomar. Trátase de dúas mulleres, de 93 e 97 anos. Todas as vítimas notificadas polo Servizo Galego de Saúde presentaban historiais clínicos con enfermidades previas. Con estas novas mortes, Galicia suma xa 1.293 por coronavirus desde o comezo da crise sanitaria.