Unha muller de 70 anos falece por covid no Hospital Montecelo entre as catro vítimas que se rexistran este sábado na provincia

Pontevedra
23 de xaneiro 2021

A Consellería de Sanidade notifica durante esta xornada o falecemento de nove persoas diagnosticadas por coronavirus acadando a cifra de 1.608 vítimas desde que se comezaron a rexistrar as mortes no inicio da pandemia. Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a cifra sitúase en 98 pasamentos

Hospital Montecelo Cristina Saiz

A Consellería de Sanidade notifica durante esta xornada de sábado 23 de xaneiro o falecemento de nove persoas diagnosticadas por coronavirus en Galicia.

Entre estas mortes atópase a dunha muller de 70 anos que perdía a vida no Hospital Montecelo ao contaxiarse por esta enfermidade aínda que no seu historial médico constaban outras patoloxías previas. Convértese desta forma na vítima 98 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés nunha semana na que faleceron sete pacientes no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o último rexistrábase leste mesmo venres, un home de 74 anos.

Nesta xornada tamén se producían outras tres mortes na provincia de Pontevedra, segundo os datos facilitados polo Servizo Galego de  Saúde. Unha muller de 83 anos e dous homes, un de 59 anos e outro de 84, que falecían no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

No resto de Galicia, as mortes producíanse no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol onde perdían a vida dous homes de 75 e 86 anos; unha muller de 57, no Complexo Hospitalario da Coruña; un home de 86, no Hospital Público de Monforte e unha muller de 83, no Hospital Público da Mariña, procedente do asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo.

Todas as persoas falecidas nestas últimas horas en Galicia contaban con outras enfermidades nos seus expedientes clínicos. Con estes nove falecementos, a comunidade autónoma sitúase cunha cifra de 1.608 vítimas mortais desde que se teñen datos de mortes provocadas pola pandemia.