Unha muller de 60 anos, nova vítima da covid-19 no Complexo Hospitalario de Pontevedra

Pontevedra
22 de outubro 2020

Nas últimas 24 horas faleceron nove persoas en Galicia como consecuencia do coronavirus. A vítima falecida en Pontevedra eleva a 27 a cifra de mortes por esta enfermidade na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus Mónica Patxot

Unha muller de 60 anos falecía durante as últimas horas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) contaxiada de coronavirus. Esta nova vítima eleva a cifra de persoas falecidas por culpa desta enfermidade a 27 na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés desde o inicio da pandemia.

Segundo distintas fontes, este caso relaciónase cos contaxios no servizo de Oncoloxía do Hospital Provincial. A última vítima rexistrárase esta mesma semana e se trataba doutra muller, neste caso unha paciente de 73 anos, tamén con patoloxías previas.

En Galicia, durante as últimas 24 horas, falecían nove persoas que foron diagnosticadas por coronavirus. Ademais do caso de Montecelo, tamén faleceu un home de 95 anos e outro de 71 que perdían a vida no Complexo Hospitalario de Santiago; catro homes de 92, 81, 80 e 76, ademais dunha muller de 87, que falecían no Complexo Hospitalario de Ourense.

A estas vítimas súmase tamén a perda doutro home, de 92 anos de idade, que falecía na Clínica Santa Teresa de Ourense. Todos os casos, segundo a información do SERGAS, contaban con enfermidades previas. Tres deles atopábanse, previamente ao seu ingreso, en residencias para a terceira idade.