Unha militar da Brilat de 35 anos falece tras sentirse indisposta durante un exercicio de instrución

Pontevedra
17 de decembro 2021

Elena Santiago Piñeiro, militar profesional desde o ano 2005, faleceu este venres no hospital. Realizaba este adestramento cos seus compañeiros entre Santa María de Oia, Barro e Meis. Nun primeiro momento, foi atendida polo persoal militar sanitario da unidade e logo evacuada en ambulancia

Ambulancia militar na sede da Brilat Mónica Patxot

Elena Santiago Piñeiro, de 35 anos e militar profesional desde hai 16, faleceu este venres no hospital tras sufrir unha indisposición mentres participaba nun exercicio de instrución e adestramento.

A falecida estaba destinada no Grupo Loxístico VII da Brigada Galicia VII, Brilat, con sede en Figueirido, e realizaba este adestramento cos seus compañeiros entre Santa María de Oia, Barro e Meis.

O exercicio comezou o pasado luns 13 de decembro e a moza sentiu indisposta na mañá deste venres. Nun primeiro momento, foi atendida polo persoal militar sanitario da unidade que acompañaba o exercicio de instrución, como é habitual.

Tras prestarlle unha primeira asistencia, o propio persoal facultativo decidiu evacuala nunha ambulancia militar ao Hospital  Quirónsalud Miguel Domínguez de Pontevedra, onde faleceu pouco despois. 

A soldado Elena Santiago ingresou no Exército o 14 de novembro de 2005 e, tras superar a fase de instrución básica militar no  CIMOV Nº 2 de Cádiz, foi destinada ao Grupo de Artillería VII da  Brilat. Posteriormente cambiou o seu destino ao Grupo Loxístico VII no que estaba recentemente.

A moza foi condecorada coa Cruz de Bronce da Cruz á constancia no servizo e a Medalla conmemorativa da Operación Balmis desenvolvida durante os momentos iniciais da pandemia da covid-19.