Unha investigadora de Cerdedo-Cotobade, premiada polo Ministerio de Ciencia e Innovación

Cerdedo-Cotobade
07 de outubro 2022

Aos seus 39 anos, Belén Riveiro é unha das investigadoras de maior renome en Galicia. É autora de máis de oitenta publicacións e súas son ata sete patentes. Todo este traballo vén de ser recoñecido polo Ministerio de Ciencia e Innovación

A investigadora Belén Riveiro Universidade de Vigo

Aos seus 39 anos, Belén Riveiro é unha das investigadoras de maior renome en Galicia. É autora de máis de oitenta publicacións e súas son ata sete patentes. Todo este traballo vén de ser recoñecido polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

Riveiro, natural de Cerdedo-Cotobade, gañou un dos Premios Nacionales de Investigación para Jóvenes. Concretamente, foi na área de enxeñaría e arquitectura, modalidade bautizada como Premio Nacional Matilde Ucelay, a primeira española en titularse nunha escola de arquitectura.

Os principais logros da súa carreira investigadora están relacionados coa mellora da resiliencia das infraestruturas do transporte a eventos extremos, onde liderou diferentes proxectos competitivos, tanto de ámbito internacional como nacional.

Segundo o fallo do xurado dos premios, dotados con 30.000 euros en cada modalidade, foi recoñecida "pola orixinalidade e impacto das súas investigacións, que radican na combinación de diferentes disciplinas para dar solución a retos actuais da enxeñaría estrutural".

"Sinto que un recoñecemento desta magnitude compensa en certa medida os esforzos persoais realizados para percorrer un camiño que non sempre é fácil", explicou Belén Riveiro ao Diario da Universidade de Vigo.

Esta investigadora do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, dependente da universidade viguesa, defende que "hai que apostar pola investigación, con perseveranza e sen complexos".

Recoñece que, no seu caso, non recorda cando decidiu dedicarse a investigar, pero si que sempre foi unha rapaza "con moita curiosidade por entender o porqué das cousas" e cos anos acabou centrando na investigación a súa actividade profesional

"Foi ao descubrir que neste traballo non só dedicas tempo a executar tarefas que logo che permiten obter unha remuneración económica, senón que tes a certeza de que cada proxecto no que te implicas vai representar un avance para o coñecemento e, ademais, vai contribuír a resolver os problemas reais aos que se enfronta a nosa sociedade", sostén Riveiro.

En todos estes anos a investigadora cotobadesa acadou importantes avances investigadores en todo o que se refire á mellora da resiliencia das infraestruturas do transporte a eventos extremos. 

Dentro deste ámbito traballou principalmente na aplicación das xeotecnoloxías á monitorización e inspección da condición estrutural das infraestruturas, así como no desenvolvemento de novos métodos de avaliación estrutural mediante o uso de intelixencia artificial.