Unha guía e unha app para percorrer todos os sendeiros homologados de Galicia

Pontevedra
13 de novembro 2022

Un catálogo de referencia creado por Turismo de Galicia, onde se atopan todos os sendeiros homologados de Galicia coa fin de promover a actividade do sendeirismo como unha maneira de achegarse aos espazos naturais e ao patrimonio etnográfico e monumental de Galicia a través dun tipo de turismo sostible

Ruta do Adro Vello Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, reeditou a guía de sendeirismo 'Sendas para descubrir un país', unha publicación de 268 páxinas que constitúe unha das mellores ferramentas para a práctica desta actividade de contacto coa natureza en todo o territorio da comunidade galega.  

'Sendas para descubrir un país' é un catálogo de referencia daqueles sendeiros que cumpren as condicións de homologación esixidas pola Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada, no ámbito estatal, ou a Federación Galega de Montañismo, no ámbito autonómico, e que se axustan á normativa internacional.

A publicación inclúe unha parte informativa sobre a nomenclatura e símbolos que o camiñante se atopará nos camiños, así como sobre o Sistema MIDE, relacionado coa comunicación entre excursionistas para avaliar as esixencias técnicas e físicas dos traxectos.

Polo que respecta a cada un dos sendeiros, este folleto turístico dedícalle dúas páxinas a cada un, nas que se fai unha descrición do seu trazado con fotografías deste. Tamén se inclúe un mapa de situación a escala, así como as coordenadas do inicio e o final da ruta. Por outra parte, explícanse as características máis salientables do sendeiro, así como os servizos dos que dispón, as conexións con outros camiños homologados e a información MIDE.

APLICACIÓN MÓBIL

Esta información pódese complementar coa aplicación para teléfonos intelixentes Sendegal, realizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Montañismo. Nesta app o usuario pode atopar información sobre os roteiros homologados en Galicia, ademais dunha serie de consellos que facilitarán a experiencia ao camiñante, como información sobre sinalización, significado das balizas e das frechas ou as clasificacións dos sendeiros: de gran percorrido, de pequeno percorrido, variantes e derivacións.

Con estas propostas, Turismo de Galicia quere promover e potenciar a actividade do sendeirismo como unha maneira de achegarse aos espazos naturais e ao patrimonio etnográfico e monumental de Galicia, a través dun tipo de turismo sostible e que favorece a desestacionalización.

SENDEIROS E RUTAS

Na contorna da comarca de Pontevedra e concellos veciños atopamos nesta guía un total de 16 sendeiros, dos que quince teñen a cualificación de Pequeno Percorrido Galego (PR-G) e un de Gran Percorrido (GP).

Os denominados PR-G son aqueles sendeiros de ámbito local cun trazado inferior a 50 km. En moitos casos, poden achegarse a determinados puntos de valor paisaxístico, arquitectónico ou cultural que, próximos ao itinerario principal, non pertencen ao mesmo. Así mesmo, o propio acceso ao inicio da ruta condiciona que moitos destes percorridos comecen e rematen no mesmo punto, polo que reciben o nome de Sendeiros Circulares.

Os sendeiros de gran percorrido, coñecidos polas siglas GR, consisten en itinerarios peonís de gran lonxitude, formados pola conexión de camiños, calzadas, pistas e calquera tipo de vía de comunicación non apta xeralmente para vehículos a motor. Cada poucos quilómetros atravesan poboacións nas que poder aprovisionarse ou aloxarse en caso necesario.

SENDEIRO DOS MUÍÑOS DE BAROSA. Pequeno percorrido de dificultade baixa de 2,1 km situado en Barro. Arranca no Aparcadoiro Parque da Natureza do Río Barosa e pasa pola Fervenza da Barosa, Muíños de Abaixo, Ponte de San Breixo, Muíños de Arriba e Ponte da Búa, con final na Ponte de San Breixo.

RUTA DAS ALMIÑAS E DO FOXO DO LOBO. Pequeno percorrido de dificultade media de 10,82 km polo municipio de Ponte Caldelas. Con punto de partida e chegada na Igrexa de Caritel, prosegue por Pasos da Fraga e Portasoutos, Pasos da Coveliña, Laxoso de Abaixo e de Arriba, Foxo do Lobo e Porcinas.

ROTEIRO DA ESCUADRA. Pequeno percorrido de dificultade media - alta de 7,1 km localizado no concello da Lama. O seu trazado encamíñase pola Área Recreativa de Santa Mariña, Chan da Ferradura, Miradoiro das Tres Rías, Portela do Foxo, Portela dos Acivos, Coto de Mateus, As Cerradas e O Peso.

SENDA PEONIL DA PONTE DO RAMO. Pequeno percorrido de dificultade baixa de 6,51 km no termo municipal de Cuntis. Con inicio e remate en Ponte do Ramo, transcorre por Muíños da Puntalta, Muíños de Portavezal, Muíños do Verdugo, Vilar de Mato, Vía Romana, Conles e Petróglifos de Cequeril.

SENDEIRO DO RÍO MANESES. Pequeno percorrido de dificultade media-baixa de 8,6 km que discorre por Campo Lameiro. Iníciase o trazado na Área Recreativa de Lodeiro, pasando por Rego de Maneses, Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, Praderrei, río Lérez e final no mesmo punto de partida, a Área Recreativa de Lodeiro.

RUTA DA PEDRA E DA AUGA. Pequeno percorrido de dificultade baixa de 6,5 km que discorre polos concellos de Meis e Ribadumia. Traxecto pola Armenteira (Meis), Muíños do Concello de Meis, Serradoiro do Souto, Aldea Labrega, Área recreativa dos Muíños de Meis, Muíños do Concello de Ribadumia e final na Rotonda VG-4.2 (Ribadumia).

RUTA DO RÍO CHANCA. Pequeno percorrido de dificultade media de 7 km que discorre polos termos municipais de Meaño e Meis. O sendeiro comeza na Ponte de Caxoi (Meaño) e continúa polos Muíños de San Miguel de Lores, Muíños de Sta. María de Simes, Muíño do Pontillón, Lugar de Valboa, Muíños da Buraca ata Armenteira (Meis).

RUTA DO RÍO SAN MARTIÑO. Pequeno percorrido de dificultade media de 11,2 km polo concello de Meis. O punto de partida está na Armenteira, contúa polo Río San Martiño, Muíño da Ponte, Igrexa de San Salvador de Meis, Igrexa de San Martiño de Meis e Lugar da Gándara.

RUTA DO RÍO UMIA. Pequeno percorrido de dificultade baixa de 5,5 km polo municipio de Ribadumia. Trazado pola Ponte de Barrantes, Ponte de Cabanelas, Ponte de Santa Marta e final en Ponte Arnelas.

RUTA DO ADRO VELLO. Pequeno percorrido de dificultade baixa de 3,03 km polo concello do Grove. Sendeiro pola Praia de Barreiriño, Salgadeira de Barcela, Praia de Barcela, Praia de Area Grande, Carríns, O Outeiro e As Rodeiras.

RUTA DO CON NEGRO - ARTE AO NATURALPequeno percorrido de dificultade baixa de 3,25 km localizado no Grove. Discorre pola batería militar no Conchido, Praia de Con Negro, Praia de Aguieira, Praia de Barreiro, Praia de Castiñeira, Os Coupríns e A Torre.

RUTA DOS MIRADOIROS LOBEIRA - FARO DAS LÚAS. Pequeno percorrido de dificultade baixa de 4,41 km polos concellos de Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Partindo da Igrexa Parroquial de András (Vilanova de Arousa), pasamos polo Faro das Lúas e rematamos en Monte Lobeira (Vilanova de Arousa).

SENDEIRO DOS MUÍÑOS DE RIOMAIOR. Pequeno percorrido de dificultade baixa de 2,6 km de lonxitude localizado no concello de Vilaboa. Parte da Casa da Cultura de Riomaior, pasa polos muíños nº 1 ao 33 e chega ata o Muíño de Miguel Lois.

SENDEIRO DOS PETROGLIFOS DE COBRES. Pequeno percorrido de dificultade baixa de 3,32 km polo municipio de Vilaboa. Traxecto dende a Casa Rural dos Areeiros, pasando por Vilar, Chan da Rúa e Calverte, con regreso á Casa Rural dos Areeiros.

SENDEIRO DE PEDRA MIRANDA. Pequeno percorrido de dificultade baixa de 2,45 km polos municipios de Soutomaior e Vilaboa. O punto de partida sitúase no aparcadoiro da Canteira da Lapa (Soutomaior) e transcorre polo Alto da Lapa e a Ermida de San Amaro, con final en Pedra Miranda (Vilaboa).

RURAL DE GALICIA. Coa cualificación de Gran Percorrido (GR) e unha lonxitude de 126 km, o sendeiro GR 94 Rural de Galicia, situado no sudoeste galaico, é unha vía que comunica o mar e a montaña en dirección Sur-Norte polos concellos de Vigo, Soutomaior, Redondela, Ponte Caldelas, Cuntis, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, A Estrada e Santiago de Compostela. O punto de partida sitúase na Madroa (Vigo) e percorre Vigo, Soutomaior, Campo Lameiro, Cequeril, Luou e final no Barrio de Conxo (Santiago de Compostela).