Unha gran parte do remanente de tesourería de Poio destinarase a infraestruturas

Poio
03 de abril 2022

Destacan os 450.000 euros para a ampliación do cemiterio de San Xoán, os 300.000 euros para os terreos do futuro Centro de Saúde, as inversións para mellorar o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó e diversas instalacións deportivas

Reunión de traballo do equipo de Goberno de Poio Concello de Poio

O Concello de Poio destinará máis de 2,5 millóns de euros, correspondentes ao Remanente de Tesourería resultante da liquidación do Orzamento municipal de 2021, para a realización dunha batería de actuacións e proxectos encamiñados a mellorar infraestruturas e servizos, así como á adquisición de terreos para novos equipamentos.

Desde o Consistorio local indícase que esta xestión é posible grazas á boa saúde económica da que goza a Administración local, que pechou o exercicio anterior acadando un aforro neto de 1,2 millóns de euros e incrementando a partida anual nun 70%, pasando dos 13,2 millóns iniciais aos 21,9 millóns que constan no informe final elaborado polo departamento de Intervención.

No Pleno ordinario do pasado 29 de marzo aprobáronse as tramitacións orzamentarias que permitirán o uso do Remanente de Tesourería. Deste xeito, está previsto o investimento de máis de 400.000 euros para acometer a ampliación do cemiterio municipal, situado na parroquia de San Xoán, un proxecto que o Goberno local prevé iniciar antes de que remate o ano.

A este proxecto hai que engadir os 300.000 euros que se utilizarán para a adquisición dos terreos nos que se habilitarán novos equipamentos, como é o caso do futuro Centro de Saúde. Tal e como lembrou o alcalde, Luciano Sobral, durante o debate plenario, o Concello ten solicitada unha reunión coa Consellería de Sanidade para tratar este asunto. Outros 400.000 euros irán destinados á contratación do servizo de subministro eléctrico.

INVERSIÓN EN INFRAESTRUTURAS

A mellora de infraestruturas ocupa outro apartado primordial no reparto do Remanente de Tesourería. Destacan as melloras que se levarán a cabo en diferentes instalacións deportivas, como é o caso do campo de fútbol da Reiboa, que pasará a contar con novo céspede sintético de última xeración. Tamén está proxectado o arranxo da pista do pavillón polideportivo da Seca.

O Concello investirá, así mesmo, 50.000 euros en melloras na nave do club de piragüismo de Combarro.

O Centro Cultural Xaime Illa de Raxó tamén será escenario de reformas, que servirán para dotalo dun novo sistema de climatización. Neste sentido, o Goberno local lembra que está pendente de recibir fondos europeos para esta actuación, se ben o uso do remanente permitirá axilizar a tramitación.

A maiores, no Pazo de Besada, que está a piques de culminar a súa renovación integral, tamén contará cunha achega de 60.000 euros para a adquisición e dotación de novo mobiliario.

O equipo de Goberno contempla unha partida de 140.000 euros para a execución de obras e melloras viarias, ademais de ampliar o persoal municipal con incorporacións dun novo técnico ou técnica para o departamento de Urbanismo e tamén para Deportes. Neste caso, o investimento ascende a un total de 67.000 euros.