Unha 'flor de paz' nas Salinas como símbolo de unión das parroquias de Vilaboa

Vilaboa
15 de xuño 2022

Os escolares do colexio rural agrupado de Vilaboa son os autores do novo conxunto escultórico que se instalou nas inmediacións da aula de natureza das Salinas. Trátase dunha 'flor de paz' que simboliza a unión e a solidariedade de todas as parroquias do municipio

'Flor de paz' instalada nas Salinas Concello de Vilaboa

Os escolares do colexio rural agrupado de Vilaboa son os autores do novo conxunto escultórico que se instalou nas inmediacións da aula de natureza das Salinas. Trátase dunha 'flor de paz' que simboliza a unión e a solidariedade de todas as parroquias do municipio.

Neste proxecto colaborou toda a comunidade educativa, incluídas as familias dos 94 escolares que cursan os seus estudos de Educación Infantil nas cinco escolas do municipio.

Esta 'flor de paz' está inspirada na creación de Philip Staton para o castelo de Montjuïc, en Barcelona. É unha estrutura metálica, construída en aceiro por Manufacturas Vilaboa.

Cada un dos pétalos da flor está formado por cantos rodados, un por cada membro de cada unidade familiar, que os rapaces e rapazas pintaron coa cor co que máis identificaban a súa parroquia, incluíndo neles un mensaxe de paz.

"É moi gratificante para nós comprobar como os nosos rapaces e rapazas, nenos menores de 6 anos, son educados en igualdade e con valores tan importantes como o rexeitamento das guerras", explicou o alcalde, César Poza, que acudiu á presentación da escultura.