Unha festa en Cerdedo e o Domingo de Piñata en Carballedo, no Entroido 2018

27 de xaneiro 2018

O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten pechado o seu programa de actividades para o Entroido 2018, que inclúe unha excursión a Verín para asistir ao bautizo dos cigarróns, unha festa en Cerdedo o domingo 11 e o tradicional Domingo de Piñata en Carballedo xusto unha semana despois

Desfile dos cigarróns en Verín Óscar (xindilo/fotosderianxo)

O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten pechado o seu programa de actividades para o Entroido 2018, que inclúe unha excursión a Verín para asistir ao bautizo dos cigarróns, unha festa en Cerdedo o domingo 11 e o tradicional Domingo de Piñata en Carballedo xusto unha semana despois.

As actividades arrancarán coa excursión, o sábado 10, ao Entroido de Verín, que está catalogado como Festa de Interese Turístico Nacional. As persoas que estean interesadas en participar deben inscribirse no concello ata o vindeiro 5 de febreiro, xa que hai prazas limitadas, e abonar un prezo de 12 euros.

Inclúese o desprazamento, con saída ás 8.30 horas de Carballedo, unha visita guiada ao Castelo de Monterrei (12.30), a comida (14.00), a asistencia ao bautizo dos cigarróns (17.00) e o regreso a partires das 19.00 horas. A actividade é apta para todos os públicos e está orientada especialmente para familias.

Ao día seguinte, o domingo 11, celebrarase unha Festa de Entroido no pavillón municipal de Cerdedo desde as 17.00 horas. A entrada será libre, aínda que se recomenda que os participantes acudan disfrazados para crear ambiente de Entroido, e haberá inchables e xogos, obradoiro de maquillaxe e unha discoteca móbil.

Finalmente, o programa, que acaba de presentar o seu cartel promocional, pecharase co tradicional Domingo de Piñata en Carballedo, fixado para o domingo 18. Como é habitual, os asistentes a este evento, configurado como un gran concurso de disfraces, deben inscribirse no consistorio de Carballedo entre as 16.00 e as 17.00 horas no caso da categoría infantil -para rapaces menores de 16 anos- e ata as 18.00 horas na de adultos. Posteriormente, todos eles tomarán parte no desfile ata o pavillón municipal da localidade, que é onde se celebrarán os certames.

O concurso do Domingo de Piñata repartirá un total de 875 euros en premios, con 150 para o mellor grupo infantil, 75 para a mellor parella e 50 para o gañador individual e 300 para os vencedores de grupo de adultos, 150 para a parella triunfadora nesta categoría e 100 para o individual. Ademais, haberá un premio especial de 50 euros para a categoría de choqueiro, que ten que ser un disfraz realizado por trapos, teas e roupas vellas e na que punturá sobre todo a actuación realizada no escenario.

Tamén haberá comparsas, ata un máximo de cinco, que teñen que estar compostas por alomenos 16 persoas. Estas formacións contarán cunha axuda de 110 euros se están compostas por unha maioría de veciños do municipio e de 100 se proceden de fora, sempre que acudan cunha carroza ou dispoñan de coplas de Entroido.

Aparte dos concursos, o pavillón contará con inchables e discoteca móbil para animar os desfiles e os concursos e crear ambiente de Entroido.

Arquivado en