Unha festa en Cerdedo abre a semana central do Entroido en Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
19 de febreiro 2020

Dúas citas festivas integran a programación da semana grande do Entroido en Cerdedo-Cotobade. Será o Domingo de Entroido en Cerdedo, que se celebrará o 23 de febreiro; e o Domingo de Piñata en Carballedo, que pechará as festas o 8 de marzo

Entroido tradicional Antonio Fraguas en Carballedo Concello de Cerdedo-Cotobade

Dúas citas festivas integran a programación da semana grande do Entroido en Cerdedo-Cotobade. Será o Domingo de Entroido en Cerdedo, que se celebrará o 23 de febreiro; e o Domingo de Piñata en Carballedo, que pechará as festas o 8 de marzo.

Ambas festas terán lugar tras celebrar nas vésperas os obradoiros parroquiais de elaboración de disfraces e a exaltación gastronómica do Petote.

A festa de Cerdedo comezará ás 17.00 horas no pavillón municipal e contará con concurso de disfraces, con premios aos mellores traxes infantís individual (50 euros) e de parella (75 euros) e de adultos tamén nas categorías individual (75 euros) e de dúo (100 euros).

As persoas interesadas poderán inscribirse ata o mesmo día -agás os grupos, que deben facelo ata o día 22 ás 12.00 horas- e terán que participar nun pasarrúas dende o centro cultural de Cerdedo ata o polideportivo municipal.

Así mesmo, nesta xornada tamén haberá xogos e inchables para os nenos, animación musical, servizo de bar a cargo da ANPA do CEIP San Xoán Bautista e o sorteo dunha tablet tecnolóxica entre todos os asistentes.

O Domingo de Piñata de Carballedo, pola súa banda, será o domingo 8 ás 16.00 horas na Praza da Chan cun desfile ata o pavillón, que será o escenario da celebración.

As persoas interesadas en participar no concurso, que contará cos mesmos premios que o de Cerdedo, deberán anotarse no consistorio de Carballedo a partires das 16.00 horas da propia xornada festiva agás os grupos, que deberán facer o propio ata o xoves 5 de marzo.

Este Domingo de Piñata completarase con xogos e inchables, actuación musical, servizo de bar e degustación gratuíta de vincha, chulas e orellas.

En total, o Concello repartirá 600 euros en premios aos que hai que engadir as cantidades fixas que se aportarán aos grupos conformados por veciños do municipio e que oscilarán entre os 125 e os 300 euros dependendo do número de integrantes, que en calquera caso deben ser como mínimo unha decena.

Arquivado en