Unha ferida grave nun accidente ao chocar un turismo e un camión na PO-10

Pontevedra
02 de outubro 2024

O sinistro produciuse sobre as 10.30 horas no quilómetro 0 da PO-10, á altura de Carrefour e o desvío cara á AP-9.  Como consecuencia do accidente, dous camións e un turismo quedaron detidos na calzada e Tráfico tivo que cortar un carril de circulación en dirección a Marín

 

Accidente na PO-10 PontevedraViva

Unha muller resultou ferida grave na mañá deste mércores nun accidente de tráfico rexistrado na estrada PO-10 en Pontevedra, entre o Nó do Pino e o desvío cara á autoestrada AP-9. 

No accidente víronse implicados un camión e un turismo e a ferida resultou a condutora do coche. Segundo confirmaron os Bombeiros de Pontevedra, a muller quedou atrapada e foi necesario excarcerala.

Segundo a información facilitada pola Garda Civil, o sinistro produciuse sobre as 10.30 horas no quilómetro 0 da PO-10, en dirección Marín.

Como consecuencia do accidente, dous camións e un turismo quedaron detidos na calzada e Tráfico tivo que cortar un carril de circulación en dirección a Marín.

Segundo relataron os Bombeiros de Pontevedra, un camión que circulaba pola PO-10 quixo coller o desviou cara á AP-9 que hai á altura do hipermercado Carrefour e supostamente freou no último momento.

Detrás circulaba un turismo e freou para evitar chocar con el. Nese momento, un camión que circulaba detrás chocou contra o turismo, xerando importantes danos materiais no turismo e deixando á condutora atrapada.

Tras ser excarcerada polos bombeiros, foi trasladada a un centro hospitalario.