A pandemia da covid está a marcar os actos de celebración do centenario da creación da Misión Biolóxica de Galicia (MBG). O centro pontevedrés prevía unha longa lista de actividades para conmemorar a efeméride en 2021, con xornadas de portas abertas e visitas guiadas, que tiveron que ser suspendidas. No seu lugar, a súa directora, Elena Cartea, anunciaba que este venres 14 de xaneiro ás 13:00 horas se inaugurará unha exposición no paseo Antonio Odriozola, xunto á praza da Ferrería, que percorrerá os cen anos de historia deste centro senlleiro.
Este anuncio realizábase nunha rolda de prensa na que tamén estiveron presentes o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e Pedro Peón, o vicedirector técnico da MBG e tamén responsable desta exposición.
O alcalde facía unha lembranza dos pasos que deu a Misión Biolóxica ata a súa instalación en Pontevedra. Apuntaba á súa creación na escola de Veterinaria de Santiago por parte de Cruz Gallástegui en 1921, quen tamén posibilitou que en 1928 se trasladase a Pontevedra co apoio imprescindible do presidente da Deputación Daniel de la Sota. Dende entón, o centro está instalado no Pazo de Gandarón, en Salcedo, e tres edificios anexos, nun terreo para a investigación de cultivos que abarca 12 hectáreas.
A Misión Biolóxica de Galicia está integrada no CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e, segundo informaba o seu vicedirector técnico, é unha referencia a nivel estatal e europeo en investigación de cultivos de especies atlánticas. Todas as actividades que desenvolve o centro vanse recoller nunha mostra que estará estruturada en tres partes: resumo da historia da MBG, as investigacións actuais e os retos de futuro, especialmente a preservación da biodiversidade, garantir a produción de alimentos sans e seguros e dar resposta aos puntos de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas.
INVESTIGACIÓNS PUNTEIRAS
Na actualidade, a Misión Biolóxica de Galicia conta con oito grupos de investigación en cultivos atlánticos. Pedro Peón enumerou algunhas das investigacións que se poderán ver na mostra. Sinalaba os traballos ao redor dos cereais como millo, avea ou centeo; as brásicas, entre as que se atopan os grelos, coles, verzas, navicol; leguminosas como fabas ou chícharos; as especies leñosas do tipo piñeiro ou carballo; e as investigacións sobre o cultivo das oliveiras e as rosas.
Elena Cartea subliñou que neste momento están formándose tres grupos máis de investigación en bioloxía computacional; ecoloxía e cambio global; e bioquímica e fisioloxía de cultivos.
A Misión Biolóxica de Galicia está formada por un cadro de persoal de 83 persoas. Deste número total, 21 corresponde a investigadores e o resto está integrado por persoal técnico de laboratorio, persoal de finca e administrativo, ademais de investigadores predoutorais e postdoutorais que se van incorporando nas convocatorias de diferentes programas.