Este sábado celebrouse a Noite Europea dos Morcegos. Na Boa Vila, Vaipolorío e a Asociación Morcegos de Galicia organizaron unha actividade pola noite no río dos Gafos, incluida no programa Ponteverán do Concello de Pontevedra.
Os morcegos son os únicos mamíferos do mundo capaces de voar, para iso empregan os seus sus músculos mediante o chamado voo autopropulsado. As súas ás semellan mans humanas modificadas, con "dedos" alongados unidos por unha membrana de pel flexible.
No mundo existen unhas 1.400 especies e concretamente en Galicia contamos con 26 especies, que varían no tamaño e aspecto. Ata agora foron identificadas tres especies na contorna do Gafos: o Pipistrellus pipistrellus (Morcego enano), o Myotis daubentonii (Morcego das ribeiras) e o Eptesicus serotinus (Morcego das hortas).
Todas as especies europeas, e polo tanto tamén as que temos en Galicia, son insectivoras.
Son capaces de comer nunha soa noite mais dun tercio do seu peso en insectos, o que nos da unha idea do seu potente papel como insecticida. De feito en moitas zonas do noso territorio axudan a combatir plagas na agricultura.
Entre outras cousas, os participantes nesta actividade aprenderon que, a pesar do mito popular, os morcegos non son cegos. Moitos deles non dependen da visión como sentido principal, senón que para navegar e atopar comida na máis completa escuridade utilizan a ecolocalización que é unha forma de percibir a contorna facendo rebotar sons de alta frecuencia nos obxectos e escoitando os seus ecos.
Son os mamíferos máis lonxevos en relación co seu tamaño corporal e ademais de vivir máis tempo os morcegos mantéñense sans durante toda a súa vida, cunha incidencia moi baixa de cancro. Ademais, poden infectarse con virus mortais, como a rabia e o ébola, sen enfermar.