Unha enfermeira de Montecelo obrígase a alugar un apartamento para vivir soa e evitar posibles contaxios no seu piso familiar

Pontevedra
23 de marzo 2020

O seu home, axente da Policía Nacional, tamén realiza labores na rúa durante este estado de alarma e ámbolos teñen medo de contaxiar, entre os dous, os seus fillos de 8 e 11 anos na vivenda de escasas dimensións onde residen. Por este motivo, ela decidiu pasar as vindeiras semanas nun apartamento alugado e evitar contacto cos seus seres queridos

Marta traballando con protección na súa planta do Hospital Montecelo PontevedraViva

Son días complicados para a sociedade e cada familia ten que vivir este estado de alarma tentando buscar fórmulas de convivencia ante unha situación absolutamente novidosa. Marta e Luis forman un matrimonio que reside en Pontevedra cun fillo de 11 anos e unha filla de 8. Ela é enfermeira no Hospital Montecelo. El é axente da Policía Nacional da Comisaría Provincial. Ámbolos están nunha situación diaria de perigo de contraer o virus porque os seus traballos obríganlles a enfrontarse al contacto humano.

Por este motivo, esta fin de semana Marta decidíu abandonar o domicilio familiar e trasladarse a un apartamento de aluguer onde pasar este tempo de confinamento. Pasou estes últimos días da semana facendo maletas e tentando explicar aos seus fillos o motivo polo que permanecerá fóra da residencia habitual. "Non é bo que estea en contacto con nenos nun piso pequeno onde non podo manter a distancia de seguridade", indica Marta. Tampouco pode deixar aos cativos cos avós porque son persoas maiores, poboación de risco. 

Cando Marta explicou a decisión aos seus fillos, a rapaza comezou a chorar pero acabou entendendo que é unha situación de alarma. Os dous rapaces quedarán co seu home e cando teña que ir traballar tentarán estar en contacto con eles a través do teléfono. Marta tamén ten previsto achegarse ata a entrada do edificio da vivenda familiar para que os fillos a saúden desde a ventá. "Basta que queden sós para que sexan máis responsables. É a primeira vez en todo, que marcho e que van quedar sós", indica esta muller que traballa nunha das plantas que comeza a estar ocupada por enfermos de coronavirus no Hospital Montecelo. Por iso calcula que terá que manterse alonxada da familia ao redor de dous meses. "Vin un coreano na tele que di que leva desde o 25 de xaneiro na casa e comeza a saír agora pero de maneira paulatina. Traballa un día á semana. Así que aquí será igual", afirma.

Coa súa familia xa estaba a desenvolver as recomendacións básicas. Mantiña o saúdo co cóbado cos seus fillos, nada de bicos, e co seu marido gardaba a máxima distancia posible, mesmo ao durmir. Pero cada vez o risco dun contaxio é maior. As plantas de Pneumoloxía e de Medicina Interna do Hospital Montecelo van acollendo a persoas que están pendentes de resultados das probas ou pacientes con COVID-19. Marta explica que cada planta está dividida en dúas partes, un ala lateral destínase enfermos de coronavirus e, nestes casos, cada paciente ocupa unha habitación. Non se comparten.

Existe unha sensación de temor no ambiente en Montecelo: "subimos e baixamos de planta coas máscaras e mirámonos con algo de medo".

Entre os profesionais hai incerteza, medo pero tamén moita enerxía. "Dicimos: veña para adiante", asegura a enfermeira e comenta que se forman grupos profesionais onde se aconsellan como utilizar o material ou como vestirse para atender a unha persoa con coronavirus. "As lentes destes equipos de protección non son desbostables e hai que limpalas ben. E claro, cada un asume a súa responsabilidade", apunta Marta admitindo que existe unha sensación de temor no ambiente: "subimos e baixamos de planta coas máscaras e mirámonos con algo de medo".

"Persoal? Persoal hai suficiente. Reforzouse", afirma Marta que manifesta que están contando co apoio da dirección da xerencia, pero admite que o temor se centra na escaseza de material ante as previsións da vaga de pacientes a partir desta semana. Agora hai habítacións que se habilitan para persoas que teñen síntomas á espera de que se comproben os resultados das probas, pero isto tamén supón unha perda de recursos porque para atender estes casos tamén é necesario empregar os traxes de protección

Marta sinala que están a reciclar material e buscando ferramentas cirúrxicas que non se van utilizar para fabricar novas máscaras para os momentos máis duros. "Vemos vídeos de Youtube para preparalas", sinala. "Está pasando en toda España. Mesmo con bolsas de lixo facemos batas para non estragar a orixinal e poder atender a outro paciente", admite e fala de amigas enfermeiras que se contaxiaron en Madrid adoptando todas as medidas de seguridade. Por ese motivo, Marta ten medo a esta situación descoñecida onde ninguén parece ter claros os protocolos a seguir. "Dan información contraditoria moitas veces. Chegan mensaxes de riscos laborais, da dirección, da OMS... e chegas a casa saturada de información", apunta.

Luis, o seu home, amosa tamén a súa preocupación: "Isto é surrealista" e entende perfectamente a marcha da súa muller a un apartamento: "Ela quere poñer un freo, un tapón para protexer os rapaces. Ve que o problema se vai arrimando. Pode pasarlle a calquera familia".

Luis, como axente da Policía Nacional, patrulla as rúas durante estes días e louba o bo comportamento xeral da cidadanía pero o problema aparece con persoas que teñen dependencias ou viven na rúa, en moitos casos con problemas mentais, que son insolventes e que non temen a imposición dunha multa.

"É todo moi complicado. E se a xente non te axuda, obrígate a baixar do coche policial e gastar o material de maneira innecesaria", apunta Luis, que tamén alerta do temor na Comisaría a que o material de protección non chegue para facer fronte aos momentos máis duros da pandemia. Afirma con tristura que detecta que agora "saen os medos atávicos. Un medo que, en teoría, tiñamos superado e falabamos dun sistema sanitario robusto e mira ti agora". 

Este matrimonio agarda que esta situación se poida superar canto antes para volver convivir de novo baixo o mesmo teito e sen temor a un virus tan descoñecido como perigoso.