Unha empresa de Verducido reduce ata nun 90% os gases de efecto invernadoiro que emite o xurro das granxas de vacún

Pontevedra
15 de xuño 2022

A revista científica 'Atmosphere' publica unha investigación que avala que Activador Bioprana, creado a base de microorganismos polo equipo de I+D+i da empresa pontevedresa Bioprana, diminúe a presenza de metano e óxido nitroso nas explotacións lácteas

Oficinas da biotech pontevedresa Bioprana Bioprana

A compañía biotecnolóxica pontevedresa Bioprana, con sede en Verducido, consegue reducir ata nun 90% os gases de efecto invernadoiro que emiten os xurros das granxas de vacún.

A firma desenvolveu nos seus laboratorios, situados en Porto do Molle (Nigrán), o bioproducto Activador Bioprana, un tratamento biolóxico a base de microorganismos que acaba de obter o aval da revista científica Atmosphere na súa efectividade para diminuír as emisións de metano e óxido nitroso das explotacións lácteas. A investigación que serve de base para o artigo científico foi desenvolta en granxas intensivas de vacún de Galicia.

Bioprana, liderada polos seus cofundadores Fernando Rey e Carla Salazar, traballa desde o seu nacemento, hai agora cinco anos, en "solucións biolóxicas para o desenvolvemento dunha mellor xestión da materia orgánica a través dun cocktail propio de microorganismos eficientes".

Carla Salazar cre que este fito supón "un recoñecemento ao proxecto, ao noso traballo, ao esforzo e dedicación do noso equipo de I+D+i desenvoltos nos últimos anos a través dunha iniciativa que aposta pola innovación aplicada tamén a sectores tradicionais e estratéxicos para a economía de Galicia e de todo o norte da Península Ibérica".

O artigo publicado en Atmosphere lembra que os xurros da gandería intensiva de vacún son fontes relevantes de emisións de gases de efecto invernadoiro (metano e óxido nitroso). O estudo, realizado en seis granxas de vacún de Galicia, mediu estas concentracións gasosas durante o tratamento dos xurros do gando. E, ao mesmo tempo, analizou os resultados cando se utiliza o tratamento biolóxico Activador Bioprana sobre os xurros.

"Os resultados son alentadores respecto a a redución de gases de efecto invernadoiro", afirma o estudo, que destaca que esta ferramenta "dá aos gandeiros opcións futuras para a mitigación do cambio climático entre as súas prácticas habituais".

O metano, 24 veces máis contaminante que o dióxido de carbono (CO2), reduciu a súa emisión de entre un 42 e un 86%. A presenza de óxido nitroso, 298 veces máis contaminante que o dióxido de carbono, caeu de entre un 50 e un 90%. "Os resultados do estudo mostran un claro efecto sobre as emisións dos xurros do gando vacún", conclúe o informe editado en Atmosphere.