O polígono de Nantes, en Sanxenxo, incorporou nos últimos meses unha nova empresa de tecnoloxía punteira liderada por un emigrante galego na Arxentina, que decidiu retornar ás súa terra en 2020.
O xerente de Enercraf, Alberto Jurjo, explicaba que a firma foi creada en Arxentina, cando, en colaboración co seu socio, Eduardo Jorge Urquizú, en 2013, foron conscientes da importancia de que as aeronaves conten cunha batería de emerxencia en caso de quedarse sen enerxía en pleno voo. Deste xeito, Jurjo, enxeñeiro aeronáutico, e Urguizú, enxeñeiro electrónico, crearon esta firma que logo desenvolveron en Canadá, onde traballaron ata a chegada da covid-19.
Foi naquel entón cando decidiron trasladar a empresa a Galicia, buscando unha auxiliar que achegase o persoal necesario para a construción destas baterías de gran potencia que requiren traballadores moi especializados, comezando así a súa colaboración con Inelsa, no polígono de Nantes de Sanxenxo.
O Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado da directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, e os concelleiros de Sanxenxo, Paula Martínez, Flavia Besada e Marcos Guisasola, visitaron as instalacións de Enercraf.
Antonio Rodríguez Miranda destacou a importancia de que galegos emprendedores retornados poñan en marcha iniciativas coma esta, que achegan I+D+i á comunidade galega. Para axudarlles na instalación da súa firma en Galicia, contaron cunha axuda da Secretaría Xeral da Emigración de 7.000 euros, a través da liña de axudas a emprendedores retornados.
Rodríguez Miranda recordou que, no eido da axuda aos emprendedores retornados, continúa aberta a nova liña de axudas, que en 2021 conta cun orzamento de 800.000 euros. O pasado ano, beneficiáronse da mesma 94 emprendedores retornados.