Unha disputa entre aseguradoras leva ao xulgado o incendio do edificio da Ferrería

Pontevedra
10 de abril 2018

Este martes estaba previsto un xuízo no Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Pontevedra que foi finalmente suspendido por mor da folga de traballadores da xustiza. Ata o momento non transcenderon os motivos concretos das desavinzas entre as compañías  

Axentes da Comisaría Xeral da Policía Científica investigan o incendio da Ferrería Mónica Patxot

O incendio que o 1 de febreiro de 2016 devorou o edificio situado no número 12 da rúa Michelena e en número 6 dos Soportais da Ferrería chegou aos tribunais. Este martes estaba previsto un xuízo no edificio xudicial da Parda que foi finalmente suspendido por mor da folga de traballadores da xustiza que leva xa máis de dous meses.

O xuízo estaba previsto no Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Pontevedra ao tratarse dun asunto civil relacionado cos danos ocasionados polo incendio e non dunha causa penal para dirimir os feitos que deixaron o edificio afectado reducido a unha estrutura sen tellado e co interior cheo de cinzas e cascallos. 

Fontes xudiciais confirmaron a PontevedraViva que o xuízo pretendía poñer fin ás discrepancias existentes entre dúas compañías aseguradoras responsables da responsabilidade civil de dúas dos propietarios afectados polo lume, aínda que ata o momento non transcenderon os motivos concretos das desavinzas. 

Respecto diso, cabe destacar que tras o incendio a Policía Científica da Policía Nacional de Pontevedra e axentes da Comisaría Xeral da Policía Científica desprazados desde Madrid realizaron unha inspección a fondo da zona incendiada e concluíron que fixar as causas e orixe do lume era complexo, pois se trata dun edificio que, en realidade, é unha única estrutura que comunica con ambas as rúas e o interior quedou moi afectado.

Especialistas de empresas privadas contratados polas compañías aseguradoras tamén investigaron o lume, no que a complexidade para establecer as causas debeuse á dificultade para establecer onde están os límites entre os almacéns das dúas tendas situadas nos baixos do edificio, La Moda Ideal polos Soportais e Cuplé por Michelena.  

O edificio tiña pola zona da Ferrería a tenda La Moda Ideal e pola rúa Michelena a zapatería Cuplé. Ademais, no piso superior estaba o estudo de fotografía de Teresa Malvar, que quedou reducido a cinzas. Trátase dun edificio do século XIX que desde 1896 albergaba no seu baixo dos Soportais da Ferrería a tenda La Moda Ideal, un dos establecementos máis emblemáticos de Pontevedra.

O xulgado citara ás partes e aos peritos para este martes, pero finalmente non foi posible celebrar a vista e tampouco fixar unha nova data para a súa celebración. 

Arquivado en