Unha desaparición con final feliz mostra a necesidade de regular o ruído da pirotecnia

Pontevedra
09 de febreiro 2024

O can Café escapou da leira familiar en Verducido de Xeve asustado polo estrondo dos fogos de artificio da festa de San Brais. Tras 60 horas sen ter novas súas, finalmente Noemi Santiago reencontrábase co seu can. Teme que nunha nova tirada de fogos se volva repetir a situación

Noemi Santiago acariña a Café na leira familiar de Verducido de Xeve (Pontevedra) Mónica Patxot

Mentres os veciños de Verducido de Xeve (Pontevedra) celebraban a festa de San Brais o pasado sábado 3 de febreiro, en casa de Noemi Santiago vivíase a preocupación de non saber onde estaba o seu can, de nome Café.

Segundo relata, dende primeira hora da mañá o ruído dos fogos de artificio era atronador, tanto a tirada da festa como a pirotecnia e petardos que, como é costume, lanzábanse dende casas particulares.  

Café, Lea, Ronny, Turín e Hanna, os cinco cans que conviven na leira familiar, atopábanse nerviosos. Os dous últimos, de maior tamaño, refuxiáronse asustados na casa. O resto seguían corricando polo terreo exterior.

Noemi non sabe determinar o momento exacto en que Café escapou, pero si ten a certeza de que ás "dez e cuarto xa non estaba". Alarmada, preguntou aos demais membros da familia. Só a avoa acertou a dicir que cando abriu o enreixado para ir recoller leña viu ao can saír. Como a leira ten unha parte que non está valada, pensaba que volvería entrar e non lle deu importancia.

Con todo, a historia de Café facíalle a Noemi presaxiar que talvez non lle resultase tan fácil atopar o camiño de regreso. Os seus primeiros 6 anos viviunos coa bisavoa de Noemi en Forcarei e, hai tan só 4 meses, cando faleceu a anciá, chegou ao seu novo fogar en Verducido. "En Forcarei campaba ás súas anchas, estaba afeito ir ás casas dos veciños e sempre volvía, pero aquí aínda non está habituado á zona". Por iso, temendo que o can se desorientase, e confiando en que non estivese moi lonxe, Noemi buscouno polos camiños e leiras próximas. Tras unha primeira exploración infrutuosa, iniciou a procura por estrada en coche, acompañada do seu primo.

Xa o domingo, desesperada, unha amiga recoméndalle que faga unha publicación e a comparta coas diferentes protectoras de animais. Unha moza a chama ao teléfono do anuncio e coméntalle que o mesmo sábado, sobre as 13:00 horas, viuno xunto á Igrexa de Alba, que se deixou acariñar, pero que ao momento fuxiu do lugar.

Facendo cálculos, a igrexa de Alba atópase a uns seis quilómetros da súa casa. Sospeitan que Café camiñou atravesando o monte, pero alármalles pensar que para chegar ata ese punto tivese que cruzar a estrada nacional 550.  

No medio da incerteza, o luns, a última hora da tarde, unha cidadá comenta na publicación de Facebook compartida pola asociación "Os Palleiros" que Café é o can que ela mesma lles deixou no mercadiño que organizaron o sábado, que mesmo a descrición do colar (vermello e con sistema antipulgas) coincide. Por que se tiña chip non se axilizou a comunicación coa súa dona? Porque, segundo relata a "rescatadora", a lectura do chip por parte da Policía Local deu erro. Tras esta publicación, cando xa pasaran 60 horas dende a desaparición de Café, a protectora pónse en contacto con Noemi e ao día seguinte recólleo na sede de Campañó. 

En que estado se atopaba Café despois da súa escapada? Noemi confirma que fisicamente o atopou ben, que mesmo lle sorprendeu que camiñase tantos quilómetros coa pata recentemente operada. Con todo, nótao moi nervioso. 

Tras o susto, Noemi non quere arriscarse a volver perder a Café se se repite unha nova tirada de pirotecnia. En primeiro lugar, vai poñerlle unha chapa co seu nome e un teléfono de contacto. En segundo, está á espera de que lle chegue un pedido en liña dun GPS para cans, que se incorpora ao colar e permitiríalle localizalo en todo momento. "É o produto do ano máis vendido en Amazon", afirma Noemi cun sorriso, á vez que se pon seria para admitir que o medo e a tristeza dos últimos días non llos desexa a ninguén. 

CAMPAÑA DENDE PONTEVEDRA

Este suceso revela a necesidade de que as autoridades regulen o ruído da pirotecnia. Precisamente, dende Pontevedra, está a impulsarse unha campaña na plataforma Change.org para pedir "ás administracións responsables en materia animal que consideren a pirotecnia ruidosa como un tipo de malos tratos e se permita soamente a luminosa". Lembra a promotora da mesma, Beatriz Suárez-Vence, que a contaminación acústica, ademais dos danos os cans, tamén causa graves alteracións a persoas con autismo ou as que sofren de hiperacusia, por exemplo.

Esta iniciativa leva algo máis de dous anos de traxectoria e xa sumou 8.248 sinaturas. O obxectivo é chegar ás 10.000, polo que a súa creadora anima a todas aquelas persoas sensibilizadas que acheguen a súa rúbrica en liña na plataforma. Paralelamente, foi recompilando adhesións en formato papel, asumindo todos os custos e desprazándose a diferentes lugares de Pontevedra, Poio e Marín para depositar as follas. 

En papel calcula que se achegarán ás 600, xa que está pendente de recollelas en algúns establecementos. Esta pontevedresa lamenta que nos últimos meses a campaña está parada porque a asume en solitario e outras situacións persoais veñen de reclamar a súa atención. 

O que necesitaría nestes momentos é asesoramento para ver a maneira de facer chegar estas sinaturas ás autoridades correspondentes, a través dunha iniciativa lexislativa popular ou por outra vía. Non pide imposibles, xa que, segundo nos achega, unha noticia publicada o 3 de xaneiro deste mesmo ano recolle unha listaxe de cidades españolas que prohibiron a pirotecnia para protexer aos animais

CIDADES QUE APOIAN A PIROTECNIA SILENCIOSA

A web La Zona Veggie informa no mencionado artigo que en Cáceres e Torremolinos a pirotecnia está prohibida para protexer á poboación vulnerable e mascotas. Noutras localidades como Badaxoz, Mérida e Plasencia establecéronse restricións no seu uso.

En Cataluña, Barcelona limita a prohibición da pirotecnia ás zonas verdes, aínda que, do mesmo xeito que Terrassa e Vic, recomendou non lanzar fogos artificiais a pasada Noitevella.

Tanto en Madrid como en Irún é necesario dispoñer dunha autorización para detonar petardos, mentres que en Sevilla está prohibido lanzar fogos artificiais na vía pública, coa excepción dos días de Noiteboa, Nadal, Noitevella e Aninovo.

Fóra das nosas fronteiras, Praga prohibiu nas celebracións de Noitevella a pirotecnia, para protexer ás aves que hibernan na zona do río Moldava; en Alemaña, unha trintena de cidades prohibiron ou limitaron os fogos artificiais, tanto polo benestar animal como para reducir a contaminación acústica; e o pasado mes de decembro o Parlamento uruguaio aprobaba un proxecto de lei que busca prohibir a pirotecnia ruidosa, en resposta ás demandas de grupos vinculados principalmente a persoas con trastorno do espectro autista e a defensoras dos animais.