Unha delegación da cidade surcoreana de Suncheon estuda o 'Modelo Pontevedra'

Pontevedra
03 de setembro 2024

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu este martes a unha delegación da cidade surcoreana de Suncheon que se achegou ata a Boa Vila para poder aproximarse, estudar e comprender o modelo urbano de Pontevedra, así como a transformación realizada ao longo das últimas dúas décadas

 

O alcalde coa delegación da cidade surcoreana de Suncheon Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu este martes a unha delegación da cidade surcoreana de Suncheon que se achegou ata a Boa Vila para poder aproximarse, estudar e comprender o modelo urbano de Pontevedra, así como a transformación realizada ao longo das últimas dúas décadas.

Suncheon é coñecida como a capital ecolóxica de Corea, contando con espazos únicos grazas aos seus famosos humidais como o primeiro xardín nacional do seu país. É unha cidade de 290.000 habitantes que está a estudar fórmulas para aliviar a conxestión de tráfico e crear unha contorna de transporte ecolóxico.

Segundo transmitíronlle aos responsables municipais pontevedreses, en Suncheon queren avanzar na idea de facer unha cidade centrada nas persoas e non nos automóbiles, promovendo o uso do transporte público, a bicicleta e a mobilidade a pé para combater o cambio climático.

Fernández Lores, acompañado do director xeral de Protección e Seguridade cidadá, Daniel Macenlle, mantivo unha reunión coa delegación surcoreana, formada por sete traballadoras de distintas áreas e departamentos da administración local da cidade de Suncheon. 

Durante a súa exposición, o alcalde explicou os diferentes elementos e factores que "permitiron a Pontevedra transformarse nunha cidade referente no mundo respecto a a mobilidade peonil".

Algunhas das preguntas realizadas pola delegación de Suncheon viraron ao redor da dificultade de implementar medidas que limiten o tráfico, a oposición cidadá ou cales son os aspectos máis importantes á hora de tomar decisións nese sentido.