O fenómeno das vivendas turísticas tamén prendeu en Pontevedra. Iso si, non con tanto calado como noutras localidades galegas. Pero sexa como sexa, a realidade demostra que, na actualidade, un terzo das prazas para turistas na cidade son xa nestes domicilios particulares.
O rexistro municipal reflicte que existen no municipio 134 vivendas turísticas, das cales 28 están no centro histórico. En total, suman 642 prazas -137 no casco vello, 413 no resto da cidade e 92 nas parroquias- dun total de 2.151 camas que hai en establecementos hostaleiros.
Destas vivendas turísticas, que son autorizadas pola Xunta de Galicia, 24 son inmobles unifamiliares, 18 sitúanse en pisos ou apartamentos situados no primeiro andar dun edificio e as 92 restantes en pisos ou apartamentos nun segundo andar ou superiores.
A este respecto, o Concello considera calquera tipo de uso turístico como un uso terciario que só se permite en vivendas unifamiliares, edificios exclusivos, plantas baixas e primeiros andares, para que non exista problemas de convivencia cos residentes habituais.
A oferta hoteleira da cidade complétase con dezaseis hoteis, once pensións, cinco albergues turísticos e dous establecementos de turismo rural, que suman un total de 1.509 prazas.
Delas, 1.130 prazas son en hoteis, 200 prazas son en pensións, 167 son prazas en albergues e doce son prazas en establecementos de turismo rural.
No seu conxunto, polo tanto, Pontevedra conta neste momento cun total de 168 establecementos de distinta tipoloxía dedicados a actividade e usos turísticos.
Son datos que, desde o goberno municipal, constatan que a expectativa de incremento da actividade económica relacionada co sector do turismo se está cumprindo.
Neste sentido, o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, asegura que se está apreciando un incremento de solicitudes relacionadas coa actividade turística que "están estreitamente ligadas ao modelo de cidade e á posta en valor que estamos facendo do Camiño Portugués".