Unha cidade deportiva nos terreos de Monte Carrasco, proxecto estrela no programa de deportes de Rafa Domínguez

Pontevedra
03 de maio 2023

O candidato do Partido Popular presentou este mércores o proxecto para construír en terreos de Marcón e Tomeza un novo pavillón, dous campos de fútbol, dúas pistas polideportivas, dúas canchas de tenis, un circuíto de ciclismo, un parque de calistenia e a reforma do campo de fútbol e pavillón do Marcón

Proxecto do PP para a construcción dunha cidade deportiva en Monte Carrasco

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado da responsable da área de Deportes da formación, Guille Juncal, presentou este mércores a gran aposta do seu programa electoral en materia deportiva: construír unha cidade deportiva en marcón, nos terreos nos que estaba proxectado o Hospital de Monte Carrasco.

"Hai unha zona para un hospital que nunca se realizou, temos un espazo entre Marcón e Tomeza con accesos, garantías e espazo para facer o que nos propoñemos", asegurou Domínguez antes de detallar polo miúdo cada unha das instalacións que planean instalar en chan das comunidades de montes destas dúas parroquias. 

A "gran cidade deportiva de Monte Carrasco" executarase, segundo os plans do PP, en tres fases e supoñerá o investimento duns vinte millóns de euros. Un desembolso que para o candidato popular podería contar coa colaboración do resto de institucións, aínda que non sería estritamente obrigatorio. 

Na primeira fase teñen previsto executar a construción dun novo pavillón e dous campos de fútbol. O prazo de execución sería, neste caso, de 24 meses, e o orzamento, 12 millóns de euros.

Na segunda fase, que podería coincidir no tempo coa construción da primeira parte do plan, levaría a cabo a mellora do campo de fútbol e de pavillón de Marcón. Supoñería un prazo de 12 meses e un investimento de 3,5 millóns.

A terceira serviría concluír a cidade deportiva coa construción de dúas pistas polideportivas, un recinto para practicar diversas disciplinas relacionadas co ciclismo, dúas canchas de tenis e unha instalación para calistenia. Un proxecto valorado en 4,5 millóns de euros.

En el Partido Popular teñen tamén deseñado como financiar a adquisición dos terremos. "A titularidade é das comunidades de montes de Marcón e Tomeza, aos que lle imos a propoñer chegar a un acordo de alugueiro dos terreos polos que o Concello realizaría un pago anual", explicou o candidato puntualizando que o pago se realizaría unicamente durante o tempo en que o Concello faga uso destas instalacións e que, en ningún  caso, comezarían a pagar antes do inicio das obras. Neste matiz non puido evitar mencionar a polémica sobre a planta de compostaxe prevista para A Canicouva pola que o Concello paga un alugueiro a pesar de non executarse.

Este proxecto e outros moitos máis relacionados coas instalacións deportivas da cidade, que contemplan tamén a ampliación do complexo deportivo Manolo Barreiro da Xunqueira, serán presentados nunha reunión cos clubs deportivos da cidade que terá lugar o día 9 de maio e na que participarán o vicepresidente da Xunta Diego Calvo e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa.

Doutra banda, Rafa Domínguez quixo facer fincapé en que, en caso de chegar á alcaldía, o seu principal aposta será reforzar e apoiar ao deporte de base pontevedrés. "Un apoio duradeiro, significativo e prioritario para o deporte basee", promete o popular, quen afeou que o adeudamiento de tres anualidades nas subvencións municipais, o atraso en obras anunciadas no 2015 como o campo de fútbol de Salcedo ou o pavillón da Parda, así como investimentos defectuosos en pavillóns que "seguen tendo pingueiras".