Unha carreira de orientación recadará fondos para os afectados polos incendios

Ponte Caldelas
10 de xaneiro 2018

A actividade, que servirá para pechar o programa de actividades solidarias, será unha carreira de orientación non competitiva, dirixida especialmente á familia e ás persoas que queiran pasar unha xornada de diversión. A inscrición ten un custo de 5 euros e está limitada a un máximo de 260 persoas, é dicir, 65 equipos 

Última xornada do Campionato de España de Orientación Noel Queipo

O Concello de Ponte Caldelas continúa coas actividades postas en marcha o pasado mes de outubro para recadar fondos para os afectados pola vaga de lumes do outono. Segundo deu a coñecer este mércores, acaba de fixarse a data para a celebración da carreira de orientación solidaria que se anunciara para principios deste ano 2018. Será finalmente o domingo 4 de febreiro.

A actividade, que servirá para  pechar o programa de actividades solidarias, será unha carreira de orientación non competitiva, dirixida especialmente á familia e ás persoas que queiran pasar unha xornada de diversión.

A inscrición ten un custo de 5 euros e debe facerse no sitio web da empresa Galaicaventura, que organiza a actividade en colaboración co Concello. Entre os agasallos xa confirmados para os participantes hai unha bicicleta doada pola Deputación Provincial.

A carreira está pensada para facerse  en equipos de catro persoas de todas as idades, sempre que en cada grupo haxa cando menos un adulto. Admítese tamén reservar o número de prazas que se  estime convinte, mesmo unha soa, porque a organización asignará a todos os participantes a un equipo. Todos os participantes estarán cubertos por un seguro e haberá persoal voluntario en lugares estratéxicos, así como nas estacións de actividades e balizas.

A inscrición está limitada a un máximo de 260 persoas, é dicir, 65 equipos, para garantir un paso fluído polas estacións de actividades.

A saída será ás 11.00 horas e a hora máxima de chegada será ás 16.00, polo que haberá un total de cinco horas para completar as probas nas estacións de actividade e o percorrido obrigado polas balizas de selado, sen que conte o tempo investido.

As persoas participantes sairán cun plano no que figurarán as estacións, nas que completar as distintas probas de escalada, equilibrios, tirolina, tiro con arco, etcétera, sumando diferentes puntuacións, en función da  dificultade. Haberá tamén pasos obrigados por balizas.  

Arquivado en