Unha campaña levará dun xeito lúdico a enfermidade inflamatoria intestinal aos escolares pontevedreses

Pontevedra
14 de setembro 2022

Membros da Asociación Socio Sanitaria Enfermedades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados (ASSEII) e o concelleiro de Benestar Social de Pontevedra, Marcos Rey, presentaban este mércores a guía 'Promover unha axeitada saúde dixestiva nas enfermidades intestinais inflamatorias'

O concelleiro Marcos Rey (no centro) con membros de ASSEII (de esq. a dta.) Víctor Loira, Mili Parga, Ángela Paz e Lara de Saa Concello de Pontevedra

Membros da Asociación Socio Sanitaria Enfermedades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados (ASSEII) e o concelleiro de Benestar Social de Pontevedra, Marcos Rey, presentaban este mércores a guía 'Promover unha axeitada saúde dixestiva nas enfermidades intestinais inflamatorias'.

Trátase dun libriño divulgativo que van repartir entre o alumnado dos colexios de Pontevedra, onde van levar a cabo charlas e actividades para que se coñezan as características deste tipo de enfermidades e axudar na súa prevención.

Mili Parga, docente e secretaria de ASSEII, ocupouse de darlle forma a toda a información ao redor destas patoloxías, unidas a termos tabú na linguaxe social como "feces" ou "peidos". Para Parga era fundamental darlle "un contido didáctico, entretido e motivador", que irá unido ao desenvolvemento de dinámicas de grupo cos escolares chamadas "rutinas de pensamento", é dicir, promover unha reflexión e ampliar o coñecemento destas enfermidades, así como desmontar prexuízos.

Neste sentido, Ángela Paz, a presidenta de ASSEII, matizaba a importancia de que se use unha linguaxe sinxela e normalizadora, xa que na asociación detectaron casos de nenos que sofren bullying na escola pola súa enfermidade intestinal, con bromas do tipo "este que se vai pola patilla". Tamén indicaba o valor preventivo destas guías a través dun fomento duns hábitos saudables que non só mellorarán a calidade de vida das persoas senón que axudará a diminuír o gasto sanitario.

Lara de Saa, integrante de ASSEII, explicaba algunhas das ferramentas que usarán nas actividades divulgativas. É o caso de dous paneis onde está representado o sistema dixestivo e a partir do que se lle convidará aos nenos a marcar con imáns os diferentes órganos implicados e as súas funcións. Tamén poderán aprender, dun xeito moi visual, "que sucede cando a dixestión é normal e o que sucede cando hai unha afectación". 

Víctor Loira, membro de ASSEII, manifestaba que non se descarta levar esta guía a outros sitios fóra de Pontevedra. Neste momento, xa teñen peticións dende Santiago e dunha asociación das Illas Baleares.

A enfermidade inflamatoria intestinal agrupa fundamentalmente dúas patoloxías, a colite ulcerosa e a enfermidade de Crohn, nas que se ve afectado todo o sistema dixestivo, dende a boca ata o ano. O concelleiro de Benestar Social Marcos Rey sinalaba que "se calcula que en Pontevedra un de cada cen habitantes ten unha enfermidade inflamatoria intestinal", polo que é fundamental falar de xeito natural e visibilizalas.

A guía está financiada pola farmacéutica Janssen e conta co respaldo do Concello de Pontevedra, nas actividades divulgativas, a Xunta, que a través da Consellería de Sanidade verificou os contidos, e o Servizo de Dixestivo de Pontevedra, que tamén a supervisou.

As actividades vanse desenvolver, nunha primeira fase, entre o alumnado de 5º e 6º de Primaria. Dende ASSEII convidan a todos aqueles centros escolares, sociais, residencias ou persoal sanitario a que se poñan en contacto coa asociación para obter a súa guía ou solicitar unha charla no seu centro. O correo de contacto é digestivo.pontevedra@gmail.com. En breve, a guía poderase descargar na web de ASSEII e na web da Concellería de Benestar Social.