Unha campaña contra o acoso sexual chega aos Rías Baixas Fest: "Vixía a túa bebida, ante a dúbida, pide outra"

Pontevedra
16 de xuño 2017

A Deputación deseñou unha campaña contra o acoso sexual que terá como punta de lanza a súa presenza nos recintos de festivais musicais. Ten o lema 'Lembra! Eu decido, ti respectas' e lembra que "unha agresión sexual nunca é culpa das mulleres". Cada oito horas prodúcese unha agresión sexual, isto é, hai tres mulleres violadas cada día 

Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial Deputación Provincial de Pontevedra

Os festivais musicais organizados na provincia de Pontevedra durante o verán baixo o paraugas da marca Rías Baixas Fest converteranse este ano en aliados contra o acoso sexual. A Deputación Provincial deseñou unha campaña contra o acoso sexual que terá como punta de lanza a súa presenza nos recintos festivaleiros, cun posto de información móbil en cada unha das citas e a presenza de catro dinamizadores que darán información e repartirán folletos divulgativos e merchandising como gorros de palla e adhesivos

A campaña segue o lema 'Lembra! Eu decido, ti respectas' e busca concienciar e sensibilizar á poboación poñendo o acento na violencia sexual que sofren as mulleres. A curto prazo centraranse nos festivais por ser un lugar no que se concentra unha gran cantidade de xente nova á que se poida concienciar e traballar a nivel preventivo.

A Deputación editou 20.000 folletos divulgativos a modo de guía de peto que se abre como un abanico e recollen 8 mensaxes dirixidas tanto a potenciais agresores como a posibles vítimas. Así, 10.000 están dirixidos a eles con 8 cousas que deben ter claro se son homes e outros tantos destinados ás mulleres. 

"Vixía a túa bebida, ante a dúbida, pide outra", advirte o folleto pensado nas mulleres posibles vítimas que se repartirá nos festivais musicais, unha mensaxe moi enfocada a previr que se convertan en vítimas dunha agresión sexual tras inxerir sustancias como burundanga, unha droga que anula a vontade da vítima en poucos minutos e que, ademais, dificulta logo a detección porque en 20 horas desaparece todo rastro. 

Outras mensaxes que se dirixen ás mulleres son "Non toleres as agresións, actúa e denuncia", en alusión ao número 016 de atención ás vítimas, ou 'O teu corpo é teu, ninguén debe tocalo sen o teu permiso'. En xeral, todos están destinados a previr dous tipos de violencia sexual diferente, a agresión en cita -aquela na que o agresor é un amigo, coñecido ou persoa coa que quedou a vítima- e a submisión química -cometida tras a inxesta dun tóxico que anula a vontade da vítima-.

O folleto enfocado nos potenciais agresores busca combater mitos e dar instrumentos aos homes para identificar comportamentos que poden ser constitutivos de delito e que deben evitar. A eles diríxenlles mensaxes como "Non tomes o silencio como un si", "o consentimento dunha noite non é un si para sempre" ou "se a outra persoa está bébeda ou inconsciente non hai consentimento".

"Unha agresión sexual nunca é culpa das mulleres", lembra a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, á vez que advirte sobre cifras que considera un auténtico "escándalo". As estatísticas do Ministerio do Interior recollen que cada oito horas prodúcese unha agresión sexual, isto é, hai tres mulleres violadas cada día, ás que habería que sumar as que non denuncian por medo ou sentimento de culpa. 

A campaña parte da base de que a agresión sexual só se pode combater desde a prevención e a educación e de que é tarefa das administracións públicas tomar medidas para logralo e para visibilizar unha forma de violencia pouco atendida e en aumento. Está dirixida fundamentalmente a adolescentes, por iso é polo que comeza nos Rías Baixas Fest e, xa co inicio do próximo curso escolar, chegará aos centros educativos