A moza cambadesa Aida Vidal Balea é a gañadora do XI Premio Proxecto Fin de Carrera/ Mestrado en Enxeñería en Informática que convoca o Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia e que recibirá este próximo venres na gala que anualmente celebra dita entidade en Santiago.
Aida Vidal, investigadora de novas tecnoloxías de realidade aumentada, desenvolveu unha "aplicación gamificada mediante realidade aumentada para incentivar a actividade física de pacientes pediátricos de longa estancia" e corresponde ao seu Traballo de Fin de Máster na Universidade da Coruña.
Trátase dunha aplicación móbil que serve para motivar a pacientes pediátricos a potenciar a súa actividade física e reducir o nivel de ansiedade provocado tras o seu ingreso hospitalario. Segundo a moza cambadesa "empregáronse tecnoloxías de realidade aumentada para fomentar o movemento dos usuarios dunha maneira amena e dinámica". Contén xogos para menores de seis a catorce anos cos que se motiva a realizar actividade física moderada.
Ademais, neste escenario provocado pola covid-19, "a aplicación podería proporcionar unha rutina personalizada a cada paciente segundo o que indique o persoal médico, xa que todas as actividades que se inclúen foron deseñadas para realizarse en interiores e espazos reducidos". A app está complementada cun sistema que permite recompilar e visualizar os datos de uso, proporcionando información sobre mobilidade e estado de ánimo.
O premio, dotado con mil euros, pretender ser un estímulo para estudantes e titulados recentes ou Mestrados en Enxeñería Informática. Nesta gala tamén se nomeará Colexiado de Honra a Miguel Ángel Amutio pola súa contribución ao desenvolvemento da administración electrónica en España. Amutio Gómez é director da División de Planificación e Coordinación de Ciberseguridad da Secretaría Xeral de Administración Dixital e da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.