Unha bengala de fume cor granate dará o 'toque final' ao mural da Señora Lola

Pontevedra
16 de outubro 2020

Sendo como é unha das persoas máis queridas da historia do Pontevedra Club de Fútbol, o mural homenaxe a Dolores Calviño, a estrañada Señora Lola, non podía deixar a un lado a cor dos seus amores: o granate. Ese será o 'toque final' do seu regreso aos arredores de Pasarón

Yoseba Muruzúbal e Xaquín Moreda diante do mural da Señora Lola Mónica Patxot

Sendo como é unha das persoas máis queridas da historia do Pontevedra Club de Fútbol, o mural homenaxe a Dolores Calviño, a estrañada Señora Lola, non podía deixar a un lado a cor dos seus amores: o granate. Ese será o 'toque final' do seu regreso aos arredores de Pasarón.

Cos traballos xa moi avanzados e coa previsión que terminalo o vindeiro luns, o autor do mural, Yoseba Muruzábal, explicou que comezará a pintar nas próximas horas a bengala que levará a Señora Lola nas súas mans, da que emanará o fume granate.

A idea, explica o artista, xurdiu ao ter a foto da Señora Lola cos brazos levantados. "Evidentemente Lola non iría cunha bengala ou si, quen sabe, pero isto lle dá un punto irónico e de gracia que forma parte da miña obra", engadiu.

Ao longo destes días que estivo plasmando estas dúas fotos na medianeira dun dos edificios próximos a Pasarón, Yoseba Muruzábal recoñece que tivo problemas, sobre todo porque era a primeira vez que pintaba sobre unha superficie irregular como a uralita.

"Non sabía ben como facer", recoñece. Probou cunha pistola aerográfica e con brocha. Chegou a borrar o mural "ata catro veces" pero ao final deu coa clave e agora asegura estar "bastante contento" co resultado. Iso si, agradece traballar con fotos en branco e negro -a primeira vez que o fai- porque se fosen a cor "estaría a botar chispas".

Este mural, subliña este novo artista de Cambre, "desmárcase moito" dos seus traballos anteriores, outras catorce 'superavoas' por toda Galicia. Non só porque coas demais "tiña unha vinculación persoal", senón porque é "máis discreto do normal".

A pesar diso, séntese orgulloso do resultado e, especialmente, de atopar a foto perfecta para ilustrar o mural. A Lola dos brazos abertos celebrando un gol e a Lola que "como vixiante" parece mirar cara o estadio. "Hai como un tema de custodia sobre o Pontevedra", destaca Muruzábal.

O edil de Patrimonio, Xaquín Moreda, destacou as "expectativas" que creado este mural no Burgo ante a "calidade artística" deste traballo que será inaugurado cun pequeno acto ao que, ademais dos propios veciños, estará convidado o club.

Este proxecto artístico está pensado ademais, segundo Moreda, para "servir como unha proba" para poder realizar intervencións similares noutras medianeiras que afean a paisaxe urbana da cidade de Pontevedra.

Arquivado en